Andaina da veciñanza

Desde Grixoa ao Toural, contra o vertedoiro de Miramontes

[Imaxe: BNG Compostela]

Máis de cen veciñas e veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes realizaron unha andaina desde Grixoa até o centro de Compostela para lle reclamar solucións tanto á Xunta como ao Concello.

“Por un rural limpo” ou “Fóra vertedoiro” foron dous dos lemas máis repetidos na andaina reivindicativa que este sábado emprenderon veciñas e veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes, localizado ás aforas de Santiago. A chuvia non impediu a participación de máis dun cento de persoas, que concluíron o protesto na praza do Toural.

 

As afectadas e afectados instan a Consellaría de Medio Ambiente –que a principios de 2018 emitía un informe sobre os incumprimentos das empresas que explotan a antiga canteira de Miramontes, reconvertida nun depósito de refugallos industriais– a fechar as instalacións do vertedoiro debido aos problemas medioambientais que provoca e advirten do malos cheiros que sofren e do grande impacto dos vehículos de alta tonelaxe sobre as estradas.

 

Medio Ambiente chegou a clausurar a planta en febreiro de 2018 logo das denuncias de vertidos de lixiviados, un feito que provocou que o Concello revogase as licencias de uso e obras das empresas que explotan o lugar.