Sanidade investiga un gromo de lexionela no Baixo Miño

Auga corrente. (Foto: Nós Diario).
As nove persoas afectadas até o momento tiveron que ser ingresados, mais tres deles xa foron dadas de alta.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade investiga un gromo de lexionela con nove casos nos concellos da Guarda e O Rosal, no Baixo Miño.

Segundo confirmaron fontes da Consellería a Europa Press, os afectados tiveron que ser ingresados e tres deles xa foron dados de alta.

Seguindo os protocolos de Saúde Pública, constituíuse un equipo de investigación epidemiolóxico e ambiental do gromo, realizándose as enquisas pertinentes.

Mostras de auga

Ademais, dentro da investigación ambiental, que segue en curso, o persoal técnico tomou mostras da auga de traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco delas. Polo momento, as probas foron negativas.

A Consellería sinalou que aínda non se pode concluír cal é a fonte de exposición, subliñando que o contaxio adoita producirse por aerosois.

Nestes momentos, está a analizarse a curva epidemiolóxica, que permitirá definir se o gromo se pode dar por finalizado. Con todo, continúa a investigación, a cargo de persoal experto en saúde pública.

Fontes do departamento autonómico tamén indicaron que se informou aos concellos da Guarda e do Rosal da situación e dos resultados das medidas tomadas, e estabeleceuse unha canle de comunicación permanente para o traslado de calquera incidencia ou novidade.

Tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantén informados os rexedores de ambos os dous municipios.