"Hai dereitos básicos quebrantados, é gravísimo": persoal denuncia a situación no centro de menores Monteledo, competencia da Xunta

Imaxe de arquivo do centro de Monteledo. (Foto: Fundación Diagrama)

A Xunta adxudicou hai un mes por 50 millóns de euros a xestión deste centro a unha fundación madrileña. "Nada sabemos dos novos xestores", di o comité en conversa con Nós Diario. A concesionaria saínte "levou absolutamente todo na súa saída, deixando o centro sen existencias, ante a inacción da Administración".

O centro educativo de menores Monteledo, en Ourense, traballa con menores de idade condenados pola xustiza. Ten 37 prazas e son 34 educadores e educadoras. O 31 de xaneiro expirou a concesión da xestión deste centro e a concesionaria, a murciana Fundación Diagrama, non quixo optar a unha renovación.

O novo concerto da Xunta adxudicou á madrileña Fundación Ginso a xestión do centro, por 8 anos e até 50 millóns de euros. "Si, 50 millóns, xunto coa xestión do Centro Terapéutico Montefiz", indican desde o comité de empresa. "A Xunta non quere centros de menores públicos, iso é o que pasa", afirma en conversa con este medio Germán Estévez, do comité de empresa.

Dese que a nova concesionaria tomou as rendas, afirma, "non apareceron, non están nin se lles espera". O comité afirma que "nada sabermos dos novos xestores. Nin unha reunión, nin dar a cara ante o conxunto de traballadores, nin nada sobre a forma como traballan".

A concesionaria saínte “levou todo”, desde ordenadores até teléfonos

A concesionaria saínte "levou absolutamente todo na súa saída, deixando o centro sen existencias, ante a inacción da Administración". "Ficamos sen ordenadores, sen material para talleres, sen teléfonos, sen fotocopiadora, sen follas de reclamación, petición, queixa, etc, e  case sen raquetas detectoras de metal, e con apenas 100 euros na caixa. Si, para todo. Estes últimos dias, o balance era de 7 euros sobrantes", denuncia o comité.

Con este panorama, afirman, "algúns dos internos non puideron facer chamadas (unha liña para todos), non tiveron saídas correspondentes a privilexios gañados por comportamento, etc. E a alimentación? Pois a maioría, a base de conxelados do que quedou. Dereitos básicos quebrantados, gravísimo", conclúen.

E os traballadores? "Estamos sen subdirección, que marchou ca fundación saínte. Sen 'medio' coordinador e sen cubrir baixas e licenzas, a mínimos. Este fin de semana, 13 horas por xornada sen poder facer os descansos. Insoportábel", afirman. "Isto non pode seguir así", manifesta Estévez, que reitera que a Xunta "non aparece para nada", pois "é imposíbel falar con ela".

Situación na Galiza

Só 19% das prazas residenciais para protección de menores que hai na Galiza son de xestión pública. 58 dos 62 centros  para acoller menores son concertados. O persoal advirte desde hai tempo da sobrecarga e da falta de traballadoras e traballadores e medios,  ante o "desinterese" da Xunta da Galiza.

Segundo os datos da Estatística de Protección de Menores 2022, publicado pola Xunta da Galiza este ano, no país hai 878 menores acollidos en centros. Deles, 765 (87%) están en centros concertados, mentres que 113 atópanse en centros de xestión directa. Dos 64 centros residenciais para a protección de menores que hai na Galiza, 4 son públicos e 58 son concertados.

Destacan nestes últimos as 26 casas de familia —situadas en vivendas normalizadas (pisos ou vivendas unifamiliares, integradas na comunidade e cunha capacidade máxima de 8 prazas— e as 16 miniresidencias —instaladas en vivendas normalizadas, cunha capacidade máxima de 15 prazas—. E seguindo coas prazas dispoñíbeis, do total de 877 que hai na Galiza, 710 corresponden a centros concertados e 167 aos de xestión pública.