“Hai un difícil equilibrio entre os entroidos tradicionais e o turismo”

[Imaxe: Cedida] Federico Cocho

Na Galiza os entroidos, algún deles declarados festa de interese nacional e internacional, enfróntanse á masificación turística após recuperaren formas que se perderan na posguerra e no franquismo. Federico Cocho, autor de O carnaval en Galicia, e de A festa do Entroido, entre outros, refírese á problemática nesta entrevista. Eis un extracto da entrevista publicada no número 336 de Sermos Galiza.

Di no seu libro A festa do Entroido que se está a estender “un novo entroido chantado na modernidade”. A que se refire?
Refírome a que a sociedade galega actual en xeral é urbana. Antes a diferenza rural/urbano era bastante nítida e había unhas disparidades notábeis cos entroidos das cidades. Na actualidade, son máis modernos e urbanos no sentido de que hai desfiles moi organizados e con disfraces elegantes, mais tamén segue a haber compoñentes rurais e tradicionais.

 

Que supón iso para o entroido tradicional?
As festas evolucionan coa sociedade. O que ocorre é que a vida na actualidade é moito máis de espectáculo. Isto implica un difícil equilibro entre os entroidos que intentan conservar un carácter máis tradicional e o compoñente turístico. É un equilibrio case imposíbel, porque o entroido que a xente facía na súa aldea, que non tiña público máis que o local, posuía unhas características moi definidas. Mais iso non é así na actualidade. Igual ten máis compoñente de espectáculo pero, tamén nalgúns sentidos, máis participación. É signo dos tempos e non ten marcha atrás. Hoxe calquera rapaz que viva en calquera aldea bebe das mesmas fontes culturais que outro da cidade: escoita a mesma música, usa as mesmas redes sociais, le a mesma literatura e segue o mesmo deporte. A cultura popular actual é de masas, hai unha parte de cultura tradicional e é a que se intenta manter nalgúns sitios.


Como afecta que os entroidos se declaren festas de interese nacional e internacional?
Para empezar ten un compoñente local de autoestima nada desprezábel pero tamén é difícil facer turismo sustentábel falando de festas tradicionais. Poño como exemplo o San Fermín de Iruña, salvando as distancias. Mantén a mesma tradición que hai 50 anos, cando eran os mozos de alí os únicos que corrían, que agora, sendo unha das festas máis recoñecidas dentro e fóra do Estado español? Non.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 336 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]