ANA BRINGAS

"Hai un rearme do patriarcado"

Ana Bringas

Feminista, profesora de Filoloxía inglesa e integrante da Comisión de Normalización Lingüística da Faculdade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Ana Bringas é quen se achega esta cuarta feira ao espazo de conversas #VenhanMais5.

-Como avalías o estado actual da igualdade na Galiza?

Nos últimos anos, desde o comezo da mal chamada crise, asistimos a unha fortísima involución no referente á igualdade e vemos perigar moitos dos dereitos que tanto esforzo custou conseguir. Hai un rearme do patriarcado paralelo a esta volta de porca do capitalismo, que precisa mulleres desempoderadas, empobrecidas e relegadas ao ámbito doméstico e dos coidados. Preocúpanme especialmente os feminicidios que non cesan, a manifestación máis extrema e cruel do patriarcado; pero tamén outras formas máis insidiosas, como a apropiación do discurso feminista, que vemos, por exemplo, na mercantilización de consignas feministas por parte de transnacionais do téxtil que simultaneamente explotan as súas traballadoras con soldos de miseria e condicións infrahumanas de traballo; ou a manipulación das reivindicacións feministas sobre os nosos corpos para lexitimar prácticas neoliberais como os ventres de aluguer. Temos que estar alertas contra estas reviravoltas do sistema que perseguen confundirnos e neutralizar a nosa loita.

Agardo que Sermos siga visibilizando os problemas das mulleres, as nosas loitas e as nosas contribucións á historia

-Que evolución agardas da igualdade a cinco anos vista?

Malia a situación tan negativa que vivimos e o futuro innegabelmente difícil que nos agarda, son optimista. Confío no feminismo organizado e creo que seremos quen de reaxir ante esta contrarreforma patriarcal e que seguiremos dando pasos adiante. Nunca houbo tantas mulleres con conciencia feminista coma agora. Como profesora vexo isto nas miñas aulas: a pesar de todo, o feminismo está cada vez máis asumido entre o alumnado, tanto mulleres coma homes. No último 8 de marzo as mobilizacións foron as máis concorridas en moito tempo e houbo moita máis mocidade nas manifestacións, o cal me parece especialmente importante. Estou segura de que saberemos enfrontarnos a esta emerxencia social, a esta guerra non declarada contra as mulleres. Ademais, só loita quen pensa que pode gañar, así que o optimismo é unha obriga revolucionaria.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Creo que o xornalismo ten unha enorme responsabilidade social, na medida en que pode configurar discursos de resistencia contra o pensamento único que nos abafa. Sermos Galiza é un medio claramente comprometido coa igualdade e co feminismo e agardo que continúe nesta liña. É importante ofrecer unha representación axeitada das mulleres, tamén no plano simbólico, como se fai no Sermos mediante o uso da linguaxe inclusiva. Agardo que Sermos siga visibilizando os problemas das mulleres, as nosas loitas e as nosas contribucións á historia