Henrique Harguindey, tradutor hai 55 anos da 'Internacional' do francés ao galego: "A letra segue a ter total vixencia"

O tradutor Henrique Harguindey (Foto: Nós Diario)
Hoxe, 1 de maio, unha trintena de manifestacións percorrerán as rúas da Galiza chamando á mobilización do pobo traballador. As marchas da clase obreira terán, de novo, un himno común, "A Internacional". Hai 55 anos, Henrique Harguindey traduciu a letra escrita por Eugène Pottier do francés ao galego.

Como e cando xorde a idea de traducir ao galego "A Internacional"?

No ano 1969, estabamos en París un grupo de militantes da Unión do Povo Galego (UPG) e simpatizantes galegos da esquerda que había en Francia. Asistíamos bastante a mitins públicos de grupos de esquerda e vimos como se cantaba alí A Internacional en distintas linguas. Colectivos doutros países cantaban no seu idioma respectivo. Botamos en falta poder cantala en galego, puxémonos e lográmolo. Encargueime eu, que era un militante da UPG que estaba en Francia por razón de estudos.

Cando empezou a traballar na tradución, sabía da existencia de versións anteriores, mesmo unha de Ramón Cabanillas?

Diso souben despois. Pensabamos que non había nada e partimos de cero, é unha pena porque ao mellor esas versións eran interesantes ou mesmo podían, entre todas, achegar algo á versión definitiva. 

Que criterios seguiu á hora de pórse a traducir A Internacional?

A Internacional é unha canción fermosa, que se converteu no himno do movemento obreiro internacional e cantaron e cantan as máis variadas tendencias da esquerda. É unha canción vibrante, foi escrita en plena represión da Comuna de París e o seu autor, Eugène Pottier, estaba clandestino, refuxiado oculto en París porque a represión era moi forte contra o movemento obreiro. Pottier xa tiña unha traxectoria revolucionaria moi forte, nós queríamos respectar a fidelidade da fonte, impulsora do movemento de contestación e loita pola emancipación da clase obreira.

Cales diría que son as principais diferenzas entre a orixinal e a tradución ao galego?

Pretendíamos que fose unha tradución nun galego popular e accesíbel para a maioría da xente, que respectase plenamente o sentido da orixinal. Creo que o fixemos nun galego que se mantén, fundamentalmente mantivemos o espírito e a letra orixinais. Hai distintas versións en español, algunhas igual de fermosas e combativas, pero máis afastadas da letra orixinal, adaptadas ás circunstancias do país.

Cando comezou a cantarse "A Internacional" en galego na Galiza?

Aproveitamos unha comunicación que houbo de documentación da UPG para incorporar a tradución por primeira vez no ano 1971. Mandouse ao interior (a Galiza) e empezou a cantarse publicamente despois da caída do franquismo en manifestacións, na loita sindical e en actos públicos. 

Cal é a súa parte preferida?

As primeiras palabras xa, son moi mobilizadoras, esperanzadoras: “En pé os escravos da terra, os que non teñen pan”. Esa linguaxe directa hoxe pode parecer mesmo violenta, pero máis violento é que segue na humanidade esa fame, a falla de medios de subsistencia e a loita pola propia supervivencia, como estamos a ver na Gaza.

Segue plenamente vixente a letra da "Internacional"?

Segue tendo total vixencia, vémolo reflectido na situación de Palestina, nas persoas que teñen que fuxir da miseria e da falla de posibilidades de supervivencia nos seus países, que escapan da guerra en pateras e veñen morrer ou ser rexeitados nese primeiro mundo que debería acollelos porque tamén se aproveita deles. Segue vixente porque denuncia unha realidade que segue aí, e ao tempo enuncia unha esperanza e unha posibilidade de cambio, a ilusión. “Crebemos o xugo do pasado, unha orde nova vai reinar”. Son palabras que poñen en pé.


“O pobo cantando é un axente normalizador”

Logo de 55 anos da súa tradución da "Internacional", Henrique Harguindey sinala que a versión actual “é practicamente igual”, pero recoñece que co decorrer do tempo houbo “pequenos cambios que se foron producindo espontaneamente”. Recoñece e identifica esas mudanzas na súa tradución, como é o caso da estrofa “non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno nin deus, temos que salvarnos nós mesmos o pobo traballador”. Explica Harguindey que “no segundo e cuarto verso non hai rima”. “Nós puxéramos nin ‘dios’ porque hai 55 anos no galego non se usaba a palabra deus”, lembra. Perdeu a rima pero non o ritmo, afirma, “o pobo traballador foi modificando, normalizando ese galego. O pobo cantando é un axente normalizador tamén”. De feito, conclúe que este cambio foi “moi oportuno e moi ben feito”.