A herdeira de Rosario Porto vende o chalé onde se cometeu o crime de Asunta

O chalet no que se cometeu o crime de Asunta, en Montouto. (Foto: Google)

A casa que Rosario Porto herdou dos seus pais é un chalé independente de 400 metros cadrados, con cinco habitacións, situado nunha leira de 10.000 metros que conta con instalacións como unha piscina, unha cancha de tenis e até un hórreo.

Tras máis dunha década á venda, a herdeira do patrimonio inmobiliario de Rosario Porto conseguiu desfacerse do chalé de Montouto (Teo, comarca de Compostela) no que se produciu, en setembro de 2013, o crime de Asunta.

Así o confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras da operación, que precisaron que a venda se concretou con moita discreción. O prezo orixinal, de perto dun millón de euros, rebaixouse en 2014 a medio millón. Con todo, o prezo final de venda, apuntan, foi moi inferior.

A esta rebaixa no prezo que orixinalmente pedía Rosario Porto pola propiedade contribuíu o feito de que o asasinato de Asunta se producise, segundo apunta a sentenza do crime, neste inmóbel. Con todo, o máis relevante foi o estado actual da propiedade, que foi ‘okupada’ en numerosas ocasións e que presenta moitas desfeitas, incluso un incendio declarado en 2020.

Arredor do mes de setembro, a herdeira de Rosario Porto, a súa amiga Teresa, reclamaba perante o Xulgado de Santiago a expulsión dos okupas que vivían nesta casa, algún dos cales fora detido por distintos delitos. Unha vez que se conseguiu liberar, fechouse a venda.

A casa que Rosario Porto herdou dos seus pais é un chalé independente de 400 metros cadrados, con cinco habitacións, situado nunha leira de 10.000 metros que conta con instalacións como unha piscina, unha cancha de tenis e até un hórreo. A propiedade xa non se atopaba en uso habitual cando sucedeu o crime -de feito, Porto xa a puña á venda-. Con todo, desde a detención da nai de Asunta, a casa quedou abandonada e foi deteriorándose da man de diferentes okupacións.

Porto suicidouse en prisión en novembro de 2020 e as súas propiedades foron herdadas pola súa amiga Teresa, unha das poucas persoas que a visitaba no cárcere. Hai uns meses alugouse outro dos inmóbeis, o piso de Doutor Teixeiro no que residían nai e filla.