Deteñen un home por asasinar a súa muller en Cabana de Bergantiños
Un home foi detido por matar, presuntamente, a súa muller en Cabana de Bergantiños. A parella atopábase en trámites de divorcio. Todo apunta a un novo caso de crime machista na Galiza, e xa son tres no que vai de ano.
A Garda Civil detivo na tarde deste domingo un home de 56 anos por, supostamente, asasinar a súa muller, de 50, cunha arma de fogo na parroquia de Canduas (Cabana de Bergantiños). O matrimonio estaba en trámites de separación.
Segundo diversas fontes, os dous fillos, de 27 e 33 anos, presenciaron os feitos, que tiveron lugar ao redor das 18 horas, e trataron de reducir o agresor, que está na comisaría.
A Delegación do Goberno activou os trámites para esclarecer se se trata dun novo caso de violencia machista. Con este, serían tres as mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas no que vai de ano na Galiza.
Espérase que o movemento feminista convoque concentracións en repulsa ao asasinato a próxima terza feira, 21 de agosto, nas cidades do país.