Conseguen que o home atrincheirado cun coitelo nun piso de Barbadás abandone a vivenda

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).
O 112 mobilizou os servizos sanitarios e a Garda Civil, que se desprazaron até o lugar, onde tamén se encontranban axentes da Policía Local.

Axentes que participaban no amplo dispositivo policial despregado pola presenza dun home atrincheirado na Valenzá, en Barbadás (comarca de Ourense) lograron que este abandonase a vivenda, tras o que foi trasladado en ambulancia.

En declaracións aos medios de comunicación xusto despois do momento da evacuación, o alcalde do municipio, Xosé Carlos Valcárcel, alí presente, explicou que o individuo tivo unha discusión á primeira hora coa súa nai, coa que convive, motivo polo que esta chamou a Garda Civil.

Coa colaboración dos axentes, unha vez desprazados ata o lugar, a muller "conseguiu escapar" e segundo indicou o rexedor, non sufriu "ningún tipo de lesión nin dano persoal".

Por mor diso, segundo o relato do primeiro edil, o home "colleu uns coitelos" e "atrincheirouse" no interior do piso. Entón, a Garda Civil solicitou máis efectivos, de modo que en global interviñeron ao redor de 30.

"Chamouse a un cerralleiro, acudiu, abriu a porta pero tiña mobiliario detrás", explicou Valcárcel. "Forzouse un pouquiño máis, accedeuse e foi evacuado e será trasladado á residencia sanitaria para avaliar a súa situación", engadiu.

Deste modo, valorou que os corpos e forzas de seguridade "actuaron con prontitude" e "non houbo máis incidente que a discusión, as ameazas e a fuxida da nai".

O home, trasladado en ambulancia, "non se atopa nas mellores circunstancias", segundo constatou o alcalde, aínda que rexeitou "falar da súa saúde nin das súas circunstancias persoais anteriores" a esta xornada.

Si confirmou que houbo chamadas anteriores "por actitudes incívicas e violentas" deste individuo, pero esta terza feira "en todo momento se soubo que non había ningún menor" no interior do domicilio. Agora, "a nai está agora mesmo baixo custodia pero perfectamente", concluíu.