Un home precipítase desde un cuarto piso tras recibir orde de desaloxo por desafiuzamento

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Sergas).
A pesar de se atopar nun estado grave en base ás lesións que lle provocou a caída, o home estaba consciente cando foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Tras recibir unha orde de desafiuzamento, un home precipitouse esta quinta feira na cidade de Vigo desde un cuarto piso ao interior dun patio de luces. O edificio no que aconteceu o suceso está localizado na rúa Álvaro Cunqueiro, perto da Praza de Independencia.

Segundo informan fontes do operativo, a caída tivo lugar pouco antes das 12.20 horas cando o home recibiu a orde de desaloxar a súa vivenda despois de ser notificado previamente dun proceso de desafiuzamento.

A pesar de se atopar nun estado grave en base ás lesións que lle provocou a caída, o home estaba consciente cando foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece ingresado con prognóstico reservado.

Ao lugar dos feitos acudiu a comisión xudicial encargada do desafiuzamento, así como os corpos da Policía Local, da Nacional, dos Bombeiros e dos servizos de emerxencia sanitaria.

Medidas urxentes

Esta mesma semana, Amnistía Internacional remitiu unha carta a Ana Ortiz, Delegada da Xunta da Galiza en Vigo, para pedirlle un plan de choque e medidas urxentes para garantir que ningún desafiuzamento deixe ningunha persoa na rúa, así como para garantir o acceso ao dereito á vivenda na cidade olívica, onde se está a producir, denuncian, "unha situación de emerxencia".

Segundo datos oficiais da oficina de notificacións e embargos dos xulgados de Vigo, entre 2022 e até marzo de 2024 houbo 762 demandas de desafiuzamentos (91 no primeiro trimestre de 2024), das que se executaron 756 (78 nos tres primeiros meses de 2024). En todo o Estado, de xaneiro a setembro de 2023 producíronse máis de 19.000 despexos, 14.344 por falta de pagamento de aluguer.