Un home sae despedido do seu vehículo tras envorcar na autovía á altura de Rianxo e fica ferido de gravidade

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
Segundo informa o 112, o condutor e único implicado sufriu lesións en ambas as pernas e foi evacuado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Un home que saíu despedido ao envorcar o seu coche na autovía á altura de Rianxo (O Barbanza) resultou ferido de gravidade e trasladado ao hospital.

Segundo informa o 112, o condutor e único implicado sufriu lesións en ambas as pernas e foi evacuado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

O primeiro aviso recibiuse pouco despois das 20.30 horas desta segunda feira, cando un particular chamou ao 112 Galiza para alertar sobre este accidente, que se produciu no quilómetro 19 da AG-11, na parroquia rianxeira de Taragoña e en sentido Padrón. Segundo explicaba, vira un coche envorcado na incorporación da autovía.

Asistencia sanitaria

Foi outro particular que chamou pouco despois quen confirmou que o ferido saíra despedido do seu vehículo e que necesitaba asistencia sanitaria urxente.

O 112 Galiza activou un operativo para o cal se pediu a intervención de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, dos bombeiros de Boiro e de Ribeira -finalmente estes últimos non tiveron que actuar-, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Rianxo, e dos operarios dos servizos de mantemento da vía.

Os bombeiros de Boiro confirmaron, unha vez no lugar, que o home viaxaba só no seu vehículo.