Os hospitais comarcais fican sen persoal

Manifestación en defensa da sanidade pública e comarcal o pasado ano no Barco de Valdeorras. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Os contratos de mobilidade que a Xunta vén de lle ofrecer ao persoal médico de Medicina Interna, Radiodiagnóstico e Traumatoloxía do Sergas para paliar as carencias destes servizos deixan entrever tamén as eivas dos hospitais comarcais, faltos de especialistas, de competencias e de propostas estábeis.

Os hospitais de Valdeorras, Burela e Monforte de Lemos foron os primeiros en empezar a configurar na década dos 80 a rede de centros comarcais do Servizo Galego de Saúde. Nos 90 ampliaríase cos hospitais de Verín, Cee e O Barbanza. Completouse no ano 2001 coa inauguración do hospital do Salnés. A súa posta en marcha tivo un impacto social e laboral moi alto nas súas contornas, mais, sobre todo, en termos de saúde. Os hospitais comarcais supuxeron toda unha revolución asistencial para as súas poboacións de referencia.

Hoxe adoecen de persoal e servizos que noutro tempo prestaron con maior capacidade e autonomía. "O principal problema dos comarcais é a falta de especialistas", afirma Vicente Vázquez, técnico de raios no hospital de Monforte. "Non é que non haxa, é que están nos hospitais grandes", os de cabeceira das sete áreas sanitarias da Galiza. 

O plante dos especialistas de Medicina Interna do Sergas pola fraqueza dos cadros de persoal e o aumento da sobrecarga puxo de manifesto esta carencia que afecta outras especialidades.

No hospital de Verín a perda de internistas é moi anterior á pandemia da Covid. Desde o ano 2015 o cadro de especialistas reduciuse de oito a catro, máis un hematólogo que entra na rotación de gardas tras a solicitude de exención por parte dun facultativo. "Cando en decembro de 2019 nos sorprendeu o anuncio do feche do paritorio, a primeira gran manifestación convocada era para denunciar a situación de Medicina Interna", lembra Eva Fernández, auxiliar administrativa e presidenta da comisión delegada do hospital.

Servizos empobrecidos

O 'Verín non se fecha' que acabou por garantir a continuidade dos partos e das urxencias pediátricas eclipsou a mingua de profesionais en Medicina Interna, que en xaneiro de 2020 derivou na perda do servizo de Paliativos e de Hospitalización a Domicilio.

"Desde hai tempo Verín converteuse na punta de lanza dos recortes. Unha zona interior, cunha poboación cada vez máis envellecida e menos reivindicativa", afirma Nacho Soto, internista no hospital comarcal desde hai 12 anos. "Son escéptico. Creo que estamos onde querían que estivésemos, que estamos nun punto de non retorno".

Entre xuño e outubro, cinco meses do ano, as consultas de Medicina Interna ficarán fechadas

"Sempre teimaron con que estabamos sobredimensionados, con que eramos moitos, pero hoxe vese que somos insuficientes", di, até o punto de que entre xuño e outubro, "cinco meses do ano, as consultas de Medicina Interna ficarán fechadas".

Como a finais de 2019 Verín segue sen dermatólogo e acaba de perder un pediatra. Monforte conta cun único especialistas en dixestivo a piques de xubilarse. "Tememos o desmantelamento do servizo tras a súa marcha", advirte Vicente Vázquez que destaca a dependencia dos especialistas que cada semana acoden desde o HULA para tender os doentes de Cardioloxía e Uroloxía.

Perda de autonomía

Desde o hospital da Mariña, o enfermeiro da unidade de prematuros Xoán Bouza apunta dúas datas chave para os hospitais comarcais: 2013 e 2017. Dúas reformas lexislativas supuxeron, primeiro, a perda de autonomía orzamentaria dos centros periféricos, que pasou a depender dos hospitais de referencia, máis adiante, a perda de independencia organizativa

Hoxe temos máis metros cadrados, pero menos e peores servizos, ademais dun déficit estrutural en case todas as categorías profesionais

A reforma da Lei de saúde de 2008 hai un lustro presentouse como unha garantía para "blindar" o futuro dos hospitais comarcais. "Máis e mellores servizos, prometía o Goberno do PP. Hoxe temos máis metros cadrados, pero menos e peores servizos, ademais dun déficit estrutural en case todas as categorías profesionais", asegura Bouza. "O cadro de persoal de Medicina Interna está minguado ao 50%. O de radioloxía ao 40%. A fuga de enfermeiras cara a Asturies e Euskadi baleirou as listas. Ademais, nos últimos anos deixouse de pór marcapasos, de facer endoscopias e intervencións sinxelas de xeonllo".

A actividade vai cada vez a menos o que significa que a poboación mariñá, unhas 70.000 persoas, "viaxa máis a Lugo". No caso do hospital do Barbanza, centro de referencia para máis de 60.000 persoas, os desprazamentos, cada vez máis habituais, son cara a Compostela, onde se atopa o hospital de cabeceira

Pouco atractivos

A pediatra Marián Rodríguez recoñece que os hospitais comarcais afrontan o día a día con cadros de persoal moi axustados, o que provoca "problemas cíclicos" para distintas especialidades. "Agora mesmo nós temos dificultades en Xinecoloxía, Pediatría, Radioloxía, Traumatoloxía, Medicina Interna". Asegura que son poucas especialistas para unha carga de traballo moi avultada, que complica as gardas e agrava a dependencia de Santiago, "cuxos profesionais non sempre están dispostos a vir prestar apoio".

Os comarcais non son atractivos, nin por distancia, nin por condicións laborais nin por desafío profesional. "No momento en que se quedan as áreas de xestión integrada e se lles dá prioridade aos hospitais grandes prodúcese unha diminución da complexidade do que se fai nos pequenos, que deixan de ser atractivos para os profesionais, que veñen estar o menos tempo posíbel".

Galiza necesita os hospitais comarcais. Son esenciais para vertebrar a poboación e coidar da súa saúde

"Traballar nun hospital pequeno non pode ser un hándicap, non pode penalizar os profesionais como está a suceder", afirma a pediatra. "Galiza necesita os hospitais comarcais. Son esenciais para vertebrar a poboación e coidar da súa saúde. Cómpre un cambio de mentalidade".