Os hospitais galegos abeiran os 700 doentes ingresados con Covid após a fin de semana

Profesionais sanitarios nun hospital. (Foto: Francisco Havia / Universidade de Vigo)
O número de casos sitúase en 62.867 e as novas infeccións detectadas baixan de 4.300

O número de persoas hospitalizadas con Covid na Galiza aumentou nas últimas horas. Segundo os últimos datos divulgados esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, con datos até as 18 horas deste domingo, hai 44 pacientes en UCI (3 máis) e 642 noutras unidades (28 máis).

Por áreas sanitarias, a da Coruña ten o maior número de casos graves, con 13 persoas ingresadas en críticos (dous máis), mentres que na de Vigo hai nove pacientes en UCI (un máis). Na área sanitaria de Lugo manteñen sete persoas con Covid en UCI e tamén, sen cambios, o número de pacientes nas UCI de Pontevedra, 5 persoas. Na de Santiago hai catro doentes críticos, outros catro na de Ourense e dous na de Ferrol.

En canto aos pacientes con Covid en unidades convencionais de hospitalización, creceu o número en todas as áreas sanitarias. Así, na Coruña pasaron de 163 a 165; en Santiago pasaron a 104 (un máis); en Vigo creceron de 82 a 90; en Ourense son 87 hospitalizados (seis máis); en Lugo pasaron de 74 a 79 pacientes; en Pontevedra subiron a 82 (un máis); e en Ferrol pasaron de 33 a 35.

Casos activos

Polo que respecta aos casos activos, na Galiza hai 62.867 persoas cunha infección activa polo coronavirus SARS-CoV-2 (2.764 menos que hai un días). Destas, 16.370 correspóndense coa área sanitaria de Vigo (804 menos), 13.850 son da área da Coruña (785 menos), 9.987 son da área sanitaria de Santiago (441 menos), 6.982 da área de Pontevedra (342 menos), 6.394 casos da área de Lugo (297 menos), 6.271 da área de Ourense (311 menos), e 3.013 da área de Ferrol (54 menos).

Novos contaxios 

Segundo os datos publicados polo Sergas, os novos contaxios de Covid na Galiza rexistran unha lixeira caída a respecto do último día, o que apunta unha contención da transmisión que mantén a pandemia en fase de meseta.

Sanidade informa de 4.246 casos novos nas últimas 24 horas, 287 contaxios menos que os notificados o domingo.

Por áreas, as novas infeccións confirmadas descenden en todas salvo nas da Coruña -onde se rexistraron 953 contaxios novos- e Ferrol -onde se notificaron 224 contaxios novos-.

Na área de Vigo anotaron 1.087 casos novos; na área de Santiago, 705; na área de Pontevedra rexistráronse 483 contaxios; na área de Lugo, 416, e na área de Ourense, 378.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia, superaron a Covid na Galiza 354.097 persoas, das que algo máis de 7.000 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas.

Pola contra, faleceron co virus 2.932 persoas, oito delas notificadas este domingo polo Sergas, correspondentes a varios días.