Os hospitais galegos, a dous terzos da súa capacidade

O conselleiro García Comesaña.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinala que Galiza aínda está lonxe de "valores críticos" en canto a presión hospitalaria e ocupación en UCI, o "horizonte" que marca a posibilidade de decretar medidas máis restritivas como un hipotético confinamento domiciliario similar ao da primavera.

"Hai comunidades que están en valores críticos. Galiza non, a día de hoxe", considerou García Comesaña nunha entrevista na Radio Galega, na que cifrou en 65% a ocupación de camas de hospitalización convencional e do 56% en UCI.

Segundo o conselleiro, estes valores aínda son menores se se ten en conta a "capacidade máxima" que podería soportar o sistema sanitario galego a través dos plans de contixencia.

O titular de Sanidade subliñou que "o máis importante" é velar pola atención a pacientes que poidan acabar nas unidades de críticos e que este é o "motivo fundamental" que guían as decisións que se adoptan para o control da pandemia.

Como apuntou, esa situación das UCI na área sanitaria de Ourense foi a razón que levou a decretar o fechamento de Ourense e Barbadás –primeiras localidades en ser confinadas perimetralmente–, medida que, para o conselleiro, mostrouse "efectiva" e permitiu "reverter a situación" e facer que sexa "a cidade con mellor tendencia".

Nun momento no que o debate se centra na posibilidade dun novo confinamento domiciliario que xa se adoptou noutros puntos de Europa, García Comesaña afirmou que Galiza non se atopa entre os territorios que presentan "valores críticos" en canto a presión hospitalaria, pero que, no caso de que as actuais medidas como o confinamento perimetral das sete cidades, non se mostrasen efectivas, "habería que tomar outras".

Os feches serán avaliados o vindeiro día 3, xornada polo comité clínico. García Comesaña defendeu que esta medida "cirúrxica" e "puntual" estaba pensada "fundamentalmente" para evitar os desprazamentos previstos esta fin de semana pola festividade de Todos os Santos.

Por iso, abriu a porta, como aventurou esta semana o presidenteda Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a novos confinamentos perimetrais temporais  nas fins de semana ou festividades.

Curva en ascenso

 "Non temos a día de hoxe unha previsión de cando vai deixar de crecer a curva", respondeu o resposábel de Sanidade á pregunta de se o 'pico' ou o aplanamento da curva de contaxios está  perto. 

Doutra banda, o conselleiro asegurou na entrevista que "con carácter xeral" non se están producindo contaxios nos colexios, malia os máis de mil casos activos, que manteñen fechadas 52 aulas e dous centros infantís e que manteñen un aumento continuado na última semana.

Segundo defende, os protocolos de seguridade, co uso de máscara e a ventilación como puntos principais, están a funcionar.  "Os datos que temos nós é que, con carácter xeral, non hai contaxios nos colexios", aseverou o conselleiro, que afirmou que aquel alumnado que se contaxia "é identificado rapidamente" para pór en marcha corentenas e fechamentos que, opina, "dan resultado".

Si amosou preocupación pola situación nas residencias de maiores, nas que se iniciou o terceiro cribado para a detección de casos entre usuarios e usuaria. García Comesaña vincula a situación epidemiolóxica á alza en toda Galicia cos focos que continúan dándose nos centros de maiores e que "algúns se collen a tempo e outros non".

"Preocúpanos moito porque son a poboación máis sensíbel e nos que a enfermidade ten as consecuencias máis terríbeis", comentou.