Véndese (ou alúgase) sanidade pública

Imaxes: CC SA-NC-BY Sermos Galiza

Percorremos as áreas sanitarias do País, onde se artellaron de maneira coordenada protestos en todos os hospitais públicos contra o desmantelamento da sanidade e, no concreto, contra a privatización do servizo de esterilización, tamén dos instrumentos cirúrxicos: "non esaxeramos se dicimos que acabará morrendo xente por infeccións". O 26 de marzo haberá manifestacións simultáneas en toda a Galiza.

 

''Desde o Hospital da Costa temos enviado taxis a Lugo, ao HULA, para que nos traian material, até sueros''. "Tememos que o Hospital do Salnés acabe reducido a un ambulatorio". "O Meixoeiro é unha metáfora da sanidade pública: pecharon camas, colapsaron as urxencias e a conselleira di que non tomará medidas até o verán". "Do último lugar do Barco de Valdeorras até Vigo hai 250km; hai pacientes con apendicite que rematan con peritonite polo tempo que dura o translado". 

''Desde o Hospital da Costa temos enviado taxis a Lugo, ao HULA, para que nos traian sueros''

Así até poder completar as páxinas dun libro coas indicencias que o persoal do sistema sanitario público describe a respeito dos hospitais en que traballan.

Artelladas de maneira coordinada, as distintas áreas sanitarias están a levar a cabo accións de protesta que se prolongan no tempo --meses en casos coma os de Ourense ou Pontevedra-- como maneira de informar @s doentes e quecer motores para as manifestacións que, simultaneamente, se realizarán o vindeiro 26 de marzo nos hospitais do País. 

E é que sobre un pano de fondo que lles é común, o da privatización e o desmantelamento do público, nos centros sanitarios cadaquen sabe as súas. Sermos Galiza quixo coñecer as de todos.

Hospital da Costa, Burela

Comezamos na Mariña o percorrido polas condicións da sanidade pública galega. Entramos no Hospital da Costa e aténdenos Rosa López. Auxiliar de enfermeiría na UCI, é unha d@s ducias de profesionais que desde comezo de semana protagonizan concentracións diante da xerencia do hospital. Na faixa, un lema claro: A saúde non é un negocio

"Non somos alarmistas se dicimos que acabará morrendo xente por culpa das infeccións"

A primeira gargallada escápalle ao lle preguntar polas condicións en que está a traballar o persoal sanitario e en que están a ser atendid@s @s pacientes. Adult@s ingresad@s na unidade de pediatría e cirurxías programadas de uroloxía que tiveron que ser adiadas son só dúas das consecuencias de que o centro hospitalario ficara, máis unha vez e como ten acontecido outros anos, sen camas polo aumento do número de persoas que desenvolven patoloxías respiratorias ligadas a outras enfermidades. Malia todo, o Sergas fala de "normalidade". 

Normalidade? No Hospital da Costa até o teito veu abaixo (literalmente) "e improvisáronse salas de consulta da noite para a mañá nunha esquina con placas de pladur", exemplifica Rosa López.

Os e as usuari@s quéixanse do incremento das listaxes de agarda xa non só para as consultas senón tamén para as revisións cirúrxicas. López calcura entre 6 e 7 meses o tempo para unha resonancia. "Antes o camión viña un mes enteiro e agora queda unha semana", relata. 

O Sergas deriva ás clínicas privadas Polusa e Virgen de los Ojos Grandes @s doentes que a falta de camas impide atender no Hospital da Costa

A privatización do material sanitario, servido desde un almacén ubicado no polígono industrial de Covas, en Negreira, e cuxa xestión foi adxudicada á empresa Servicio Móvil, empeza a ter xa as súas consecuencias cando o stock dos hospitais falla. "Temos enviado taxis a Lugo, ao HULA, para que nos traian material, até sueros; aquí escasean até os papeis. Con iso xa cho digo todo", sentencia Rosa López.

En Burela houbo tamén problemas co arranxo de camas e mesmo de ecógrafos após a privatización do servizo de electromedicina e, detrás deste, toca entregar a mans privadas a esterilización do material sanitario, mesmo daquel empregado en quirófano. "Non somos alarmistas se dicimos que acabará morrendo xente por culpa das infeccións". Di López que @s doentes que non son atendid@s no Hospital da Costa van parar a dúas clínicas privadas-concertadas: Polusa e Virgen de los Ojos Grandes. "Nen sequera os derivan ao HULA, un macrohospital infrautilizado". Que acontece neste centro hospitalario de Lugo?

Hospital Universitario Lucus Augusti, Lugo

"Temos noviño o servizo de esterilización e xa o imos perder", critica Carme Aira, enfermeira no HULA. As concentracións que se están a desenvolver en todos os hospitais públicos do País están a contar coa participación d@s xef@s de servizo de Medicina Preventiva e d@s coordenador@s das unidades de esterilización, que mesmo fixeron público un comunicado en que alertan de que o material podería contaminarse ao ser transportado desde o almacén de Negreira até os hospitais. 

Dúas incubadoras e unha cuna térmica do servizo de UCI de pediatría-prematuros pasaron 15 días nun corredor á espera de que as levaran para amañar

Explican @s traballador@s de esterilización que a proba de como funciona un servizo privatizado o Lucus Augusti xa o ten no mantemento, pois desde que lle foi adxudicado á empresa Ibérica de Mantenimiento S.A. non paran de se avariar as máquinas. No concreto, dúas incubadoras e unha cuna térmica do servizo de UCI de pediatría-prematuros pasaron 15 días nun corredor á espera de que as levaran para amañar. 

O que non afecta no HULA é a implementación do servizo de almacenaxe do material sanitario e a adxudicación da xestión a unha plataforma loxística privada.

Por que non lles afecta? "Porque o servizo aquí xa leva anos privatizado", di Aira, quen si recoñece que os úteis "perderon calidade". Na cidade da Muralla coñecen ben a adxudicataria, Servicio Móbil, unha empresa de mudanzas que se fixo primeiro coa xestión das historias clínicas e acabou acaparando a distribución do material con que se traballa nos hospitais.

As citas de xinecoloxía están a se dar a varios meses vista; as revisións, a finais de 2015

E as listaxes de agarda? "Aí atrás apareceron 4.000 volantes nunha gaveta e houbo que traballar ás tardes para lles dar saída", narra Carme Aira. As citas, por exemplo, de xinecoloxía están a se dar a varios meses vista; as revisións neste mesmo servizo prográmanse para finais de 2015. 

CHOU, área sanitaria Ourense-Verín-O Barco

Na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense as concentracións contra o desmantelamento da sanidade pública veñen desde decembro de 2013. Segundo detalla Fernando Rivas, celador no CHOU, nos hospitais de Verín e do Barco de Valdeorras teñen problemas coas incubadoras porque, desde que o servizo foi privatizado, os arranxos de electromedicina só se realizan tres días á semana. 

Porén, as principais incidencias que merman o dereito á saúde d@s pacientes de Ourense teñen a ver coa unidade de pediatría. As gardas de 24 horas en cirurxía pediátrica elimináronse, polo que as crianzas usuarias teñen que se desprazar até Vigo. De que distancias estamos a falar?

"Hai apendicites que acabaron en peritonites polo tempo que duran os translados" desde O Barco ou A Gudiña até Vigo

"Desde o último lugar do Barco hai 250km" e desde A Gudiña ou Verín as distancias son semellantes. "Hai apendicites que acabaron en peritonites polo tempo que duran os translados" porque @s doentes de fóra de Ourense-cidade teñen que pasar primeiro polo CHOU, e de aí derivadas a Vigo.

A taxa de reposición do 10% para o persoal sanitario estabelecida pola consellaría de Sanidade tamén está a afectar. "Hai citas que se cancelan á última hora e hai pacientes do Barco que chegan a Monforte e teñen que dar a volta porque non vai estar o facultativo que os atende", concreta Fernando Rivas.

Hospital Xeral - Hospital do Meixoeiro - Hospital Nicolás Peña, Vigo

Os días 11, 12, 13 e 14 de Marzo foron xornadas de mobilización nos tres hospitais da área sanitaria de Vigo. Protestos contra a privatización en xeral e contra a do servizo de esterilización en particular porque, como explica o médico de familia Manuel Moreira, "será unha empresa privada a que facilite o material sen nengún tipo de criterio nen económico, nen técnico, nen científico". 

"O Hospital do Meixoeiro é unha metáfora da sanidade pública: pecharon camas, as urxencias están colapsadas e a conselleira di que tomará medidas para o verán"

O maior investimento recoñecido polo Sergas en convenios con clínicas privadas está xustamente nesta área sanitaria: case 81 millóns dos 135 millóns que aparecen contemplados nos orzamentos da Xunta para 2014. Namentres, nos centros públicos, as listaxes de agarda medran, tamén aquelas para probas diagnósticas e o incremento mesmo se nota nas listaxes estruturais. Das outras, esas a onde van parar @s doentes que rexeitan ser atendidas nun centro privado, nada se sabe.

"O Hospital do Meixoeiro é unha metáfora da sanidade pública: pecharon camas, as urxencias están colapsadas e a conselleira --Rocío Mosquera, de Sanidade-- di que tomará medidas para o verán", denuncia Manuel Moreira.

O Hospital Xeral Cíes --cirurxía ambulatoria-- e o Hospital do Rebullón --psiquiátrico--, os dous públicos e fincados en Vigo, fican desmantelados

Pon o acento no "défice histórico de infraestruturas sanitarias" que ten esta área, mais sinala que o novo hospital que a Xunta está a construír, tal e como está previsto (máis pequeno e con servizos privatizados) "non é o que necesitamos". Ao tempo, o Hospital Xeral Cíes --cirurxía ambulatoria-- e o Hospital do Rebullón --psiquiátrico-- fican desmantelados.

CHOP - Hospital do Salnés, Pontevedra

No Complexo Hospitalario de Pontevedra aténdenos Xermán Rouco, traballador do servizo de mantemento. O principal problema que describe é a derivación de doentes a Santiago, nomeadamente para recibir tratamentos ligados á hemodinamia ou cardioloxía. "Antes tiñan que percorrer 20km e agora 60 por unha decisión unica e exclusivamente política que non obedece a nengún criterio que teña a ver coa mellora do sistema sanitario", subliña Rouco. 

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés tivo sempre listaxes de agarda máis baixas que a media da Galiza.

Con todo, as baixas do persoal e as xubilacións "non se están a cubrir" e iso carrexou xa queixas d@s pacientes que transladaron durante o mes que levan @s traballador@s mobilizándose e repartindo información dentro mesmo dos hospitais. "A xente é consciente do que hai, de que os recortes son reais, porque o están a vivir en carne propia", subliña.

Pacientes de cardioloxía ou hemodinamia "antes tiñan que percorrer 20km e agora 60 por unha decisión unica e exclusivamente política"

E a modo de conclusión partilla connosco un temor: que o Hospital do Salnés "fique reducido a un ambulatorio". Os 8.000 millóns que achegou a UE para a súa ampliación viñan condicionados a que as obras rematasen en 2015.

"A conselleira dixo que encetarían en xaneiro deste ano mais estamos en marzo e non hai nada feito" polo que, se callar, Galiza ten que devolver ese diñeiro namentres en Pontevedra a cidadanía esixe que se amplíe Montecelo e que o PP desbote o seu plan de levantar un novo hospital, "privatizado", en Montecarrasco.