O Hospital do Barbanza acolleu protestas pola falta de internistas

Concentración no Hospital do Barbanza. (Foto: nós Diario)
O persoal sanitario denuncia sobrecarga laboral.

O Hospital do Barbanza, no concello de Ribeira, viviu onte unha xornada de protesta con ducias de sanitarias e sanitarios que se concentraron para denunciar o "déficit" de facultativos de Medicina Interna neste centro e en toda a área sanitaria de Santiago-O Barbanza.

O presidente da xunta de persoal, Xosé Manuel Marcote, explicou que padecen unha "falta de internistas” que provoca “unha sobrecarga para os que traballan tanto en Ribeira como no complexo hospitalario da capital galega”, o que motiva que "a asistencia non sexa moi boa". 

O Hospital do Barbanza conta na actualidade cun persoal estrutural de 10 internistas para atender unha media de 60 camas diarias.

Con todo, Marcote denuncia que na actualidade está "á metade" e que o Sergas trata de pór "parches" a través de especialistas  "doutros servizos" que se teñen que desprazar para as gardas entre ambos os dous centros. 

Ademais, Marcote lembrou que a xunta de persoal remitiu á Xerencia da área de Santiago-O Barbanza un escrito ao que "non contestaron" para pedir un informe con cantos profesionais hai e o tipo de contrato que teñen, cunha "planificación a curto, medio e longo prazo" para paliar o déficit de internistas, cun "plan de calidade" neste servizo e outros datos en relación con esta especialidade. 

Marcote cuestionou que a Xerencia alegue "que non hai" internistas, cando houbo facultativos que "foron estabilizados" na área sanitaria de Pontevedra.

Por este motivo, considera que "todo", e non só o servizo de Medicina Interna neste caso, está agora mesmo "en precario".