"Monforte non é unha sucursal": milleiros marchan na defensa do hospital comarcal

Milleiros de persoas volveron se manifestar por Monforte en defensa do hospital comarcal e contra unha 'xerenca única' en Lugo que consideran suporía recorte de servizos, persoal e perda da autonomía sanitaria. "Coma hai uns días en Burela, en Vigo ou uns meses en Vilagarcía... esta é unha loita pola sanidade pública".

 

Varios milleiros de persoas de persoas desafiaron o mal tempo para saíren á rúa este sábado en defensa do hospital comarcal de Monforte e contra un decreto da Xunta que, entenden, vai supor a perda de autonomía sanitaria. E con ela, a perda de servizos, recorte en persoal, orzamento... A mobilización estaba convocada pola Plataforma En Defensa da Sanidade Pública e contaba co apoio de sindicatos, asociacións de empresarios, colectivos veciñais e organizacións como BNG, AGE ou PSdeG. Non así o PP, que se desmarcou da protesta.

@s convocantes consideran que a intención da Xunta de fixar con xerencia en Lugo un 'área única integrada' supón un duro golpe para os hospitais comarcais da Mariña e de Monforte. Vai resultar, aseguran, en eses hospitais deviren "simples centros sanitarios". Non os pechan, "senón que van facer deles algo marxinal, e para calquer cousa con algo de importancia vai haber que desprazarse a Lugo".

"Feijóo mentirán"

Esta mobilización vén se engadir a que hai uns días tivo lugar en Burela, na defensa do seu hospital comarcal e contra a intención de fixar unha xerencia única en Lugo. Os e as monfortinas lembran, aliás, que o presidente da Xunta lles mentiu "pois asegurou que o de Monforte non ía depender de Lugo".

Na manifestación participaron veciños de localidades próximas. Até sete autobuses transportaron xente para esta mobilización, que non é a primeira que se fai en Monforte con esta mesma finalidade. Así, en maio de 2010,máis de 8.000 persoas saíron á rúa na defensa do seu hospital.

Valdeorras e Vilagarcía perderon carteira de servizos, orzamentos e autonomía

Hai uns días, a Xunta tivo que xustificar o desaparecimento dunha praza de especialista de urxencias e outra de pediatría no Hospital do Barco por mor da perda de independencia do complexo. Na mesma liña, o Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, viu como a nova xerencia integrada dirixida dende Pontevedra ordeou o peche de servizos de neuropediatría obrigando 200 pacientes ao seu traslado a Pontevedra e a ameaza de peche doutras sub-especialidades.

Fotos, tiradas de @smogal81