As hospitalizacións coa Covid baixan a 146 e os casos activos seguen en descenso, até os 2.675

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

Galiza encara o final da segunda semana sen estado de alarma cunha tendencia de casos activos da Covid-19 en descenso, até os 2.675, e un alivio da presión hospitalaria, ao reducirse a 146 as pacientes ingresadas por este coronavirus, 14 menos que a xornada pasada. Ademais, os novos contaxios reducíronse lixeiramente a 176, sete menos.

Segundo os datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, descenden a 30 os pacientes Covid ingresados en UCI -dous menos- e a 116 os ingresados noutras unidades -12 menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en seis das sete e soamente aumenta na de Ferrol, na que aínda que xa non hai pacientes en UCI -un menos que a xornada anterior-, ascenden a cinco os ingresados noutras unidades -dous máis-.

Mentres, na da Coruña e Cee aínda que seguen sete ingresados pola Covid en UCI descenden a 34 os doutras unidades -dous menos-; así como na de Vigo, onde continúan oito en críticos e baixan a 32 os doutras unidades -un menos-.

Na de Ourense proseguen tres pacientes en UCI e redúcense a oito os hospitalizados noutras unidades -dous menos-; e na Santiago e Barbanza caen a catro o críticos -un menos- e a 18 os ingresados noutras unidades -un menos-.

Pola súa banda, na de Pontevedra e O Salnés seguen sete pacientes Covid en UCI e descenden a 13 os ingresados noutras unidades -seis menos-; mentres que na de Lugo mantense un en críticos e redúcense a seis os doutras unidades -dous menos-.

Menos casos activos

Os casos activos encadean tres xornadas consecutivas de tendencia descendente na Galiza ao reducirse a 2.675, que supoñen 26 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (201) que contaxios (176), aos que se suman un falecemento.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en catro de sete: Pontevedra e O Salnés (-32), A Coruña e Cee (-15), Santiago e Barbanza (-3) e Ourense (-1); mantéñense na de Ferrol; e aumentan nas de Lugo (+24) e Vigo (+1).

Así, a área de Vigo continúa á cabeza con máis casos activos, 832; seguida da Coruña e Cee, con 553; Santiago e Barbanza, con 437; Pontevedra e O Salnés, con 363; Ourense, con 210; Lugo, con 192; e Ferrol, con 88, segue á cola.

Lixeiro descenso de contaxios

En canto aos contaxios de Covid-19 detectados no conxunto da Galiza mediante calquera tipo de proba, descenderon lixeiramente a 176, após repuntar a 183 a xornada anterior, despois de iniciar a semana con 107; subir a 116 na terza e a 128 na cuarta.

Do total, 157 positivos foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas -dez menos que a xornada anterior-, deles 65 corresponden á área de Vigo; 25, á de Lugo; 22, á de Santiago e Barbanza; 21, na da Coruña e Cee; 10, á de Ourense; nove, á de Pontevedra e O Salnés; e cinco, á de Ferrol.

Deste xeito, os contaxiados de Covid-19 ascenden a 125.543, dos que 30.198 corresponden á área da Coruña e Cee; 24.667, á de Vigo; 19.718, á de Santiago e Barbanza; 15.614, á de Ourense; 14.108, á de Pontevedra e O Salnés; 12.701, á de Lugo; e 8.537, á de Ferrol.

Realizáronse 5.363 probas PCR na última xornada, unhas 500 menos que as realizadas o día anterior.

Con respecto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- continúa nun 3% -en concreto nun 3,06%- após situarse nun 3,16% a xornada anterior e subir ao 3,4% na cuarta feira, despois de manterse por baixo do 2% no inicio desta semana. Así, prosegue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 en toda Galiza ascenden a 2.410 após notificar a Consellaría de Sanidade na quinta feira un novo óbito, unha muller de 91 anos que contaba con patoloxías previas e que se atopaba ingresada no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).