A hostalaría de Compostela está a favor da taxa turística

Terraza en Compostela (Foto: Arxina-Europa Press).
O Concello de Santigo presenta un informe favorábel sobra a taxa turística ao sector da hostalaría. Sánchez Bugallo afirma que o imposto non chegaría até 2025.

O sector da hostalaría en Santiago mantivo onte unha reunión co alcalde da capital, Sánchez Bugallo, e co concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, para coñecer as conclusións dun informe sobre a taxa turística. 

Segundo o alcalde, o obxectivo deste imposto "non sería financiar o funcionamento ordinario da Administración pública nin dos servizos", senón "impulsar determinados servizos e actuacións fundamentais para o turismo". Entre estas actuacións, o rexedor referiuse á rehabilitación e conservación da cidade histórica.

Sobre a contía da taxa, o informe sinala que oscilaría entre os 2,5 euros e os 0,5 euros dependendo do tipo de estabelecemento incluíndo, tamén, os pisos usados con finalidades turísticas. A repercusión económica estaría entre os 2,5 e os tres millóns de euros.

Desde o sector amosáronse a favor desta proposta. Porén, Hostalaría.gal demanda que os recursos que xere o imposto turístico, cuxa creación apoian, "revertan no sector". A entidade propuxo que a tarifa que se aplique "sexa escalada, por día ou fracción", de modo que "non penalice en exceso o tipo de visitante con máis poder adquisitivo, por ser o obxectivo do turismo sostíbel, responsábel e de calidade". 

Así mesmo, a asociación considera "esencial" incluír no imposto o turismo de excursións, polo "alto impacto que causa na contorna da Catedral no pouco tempo que permanece na cidade e o escaso rendemento económico que produce".

Decisión da Xunta

A aplicación desta taxa debería partir do Goberno galego, aínda que na proposta que realiza o informe presentado polo Concello de Santiago exponse que sexa de exixencia voluntaria por parte dos concellos e que os fondos sexan para os que o apliquen.

Neste sentido, Sánchez Bugallo apuntou que o próximo paso será "convocar xunta de portavoces para informar os grupos". Así, indicou que, posteriormente,  levaría ao consello de administración a iniciativa e volveríanse reunir coas asociacións.

Unha vez levados a cabo estes pasos, sería cando o Goberno local remitiría á Xunta da Galiza tanto o informe técnico realizado como as observacións que considere conveniente incorporar. Desta maneira, insistiu en que "non se vai poder aplicar antes de 2025".