Iván Prado

“O humor é a principal arma que temos contra este sistema de terror global”

Pallasos en Rebeldía viaxa rumbo ao barrio de Exarchia, no centro de Atenas e ao campo de refugiadas de Skaramangas, a 40 km da cidade, para levar o seu circo rebelde. Faino en compaña dos canarios Caracoles. Entrevistamos Iván Prado, ‘clown’ rebelde e un dos armadanzas desta iniciativa solidaria e alternativa.

- Un proxecto máis que interesante o que levades a Grecia...

- Nace dunha relación que temos en Tenerife con Caracoles, un grupo que xa nos ten apoiado en varias galas solidarias a prol do Sáhara, Palestina... Temos un vínculo especial con eles. A raíz dun vídeo gravado en Idomeni de cando fomos alí e que se volveu viral, eles inspíranse e fan unha canción que se chama El Olvido e que trata a cuestión dos refuxiados. A cantante, Nuria, proponnos que ese tema sexa un video-clip e facelo nun campo de refuxiados e darlle así un contexto. De aí sae o de facer a caravana solidaria.

- Unha iniciativa que tivo un apoio inmediato e moi amplo, que se notou a través da recepción obtida polo crownfunding...

- A verdade é que si, tivemos a sorte de lograr os obxectivos nos primeiros días. a base de habitar un país chamado Verkami (ri). Si que houbo apoio da xente, na gala de Tenerife houbo un cheo total. Tamén é certo que Pallasos en Rebeldía sempre que foi a campos de refuxiados obteu moito apoio, a xente mesmo nos daba cartos para levar para alí e apoiar os refuxiados. Neste caso, ademais, confluíron no proxecto dúas vías, a de Pallasos en Rebeldía, que ten o seu círculo de apoios, e o de Caracoles, que é unha banda con moitos seguidores en Tenerife e nas Illas.

- Como é ese contacto, esa achega para vós a unha realidade como a das persoas refuxiadas? Xente que está a pasar por uns momentos e experiencias tan duras e que atopa uns pallasos...

- Nós temos experiencia en campos de refuxiados no Sáhara, no Líbano cos palestinios, en Idomeni nun mar de lama, ou en Calé. Cada campo de refuxiados é un mundo. Partindo diso, é un contacto moi visceral, moi de emoción. Por poñer casos concretos, no de Calé estivemos actuando para crianzas que levaban no campamento un ou dous anos e a relación foi de familiaridade inmediata, total, como se nos coñeceran de toda a vida. En Idomeni, un campamento que estaba nunha tesitura de emerxencia, o contacto foi radical, a corazón aberto, a min levantáronme polo aire... unha cousa efervescente. No Líbano é outra pegada, son refuxiados de segunda e terceira xeración, e alí levábannos ás súas casas, as conversas eran máis profundas... Quer dicir, cada territorio é algo diferente mais sempre con moita tenrura, algo moi emocional, con moita forza. É algo, a verdade, indescriptíbel.

- Un contacto tan cercano e tan forte non pode pasar sen máis, supoño. Será imposíbel desligarse desa xente e das súas realidades embora un marche dos campamentos... Ë imposíbel unha ‘descompresión’, non é?

- Eu teño a sorte de que a cooperativa Culturactiva me permite poder adicarlle a isto todo o meu tempo, pois eu ‘descomprimome’ dun campamento de refuxiados indo a outro campamento de refuxiados ou iniciativas deste tipo. ‘Descomprímome’ traballando, explicando o que hai neses sitios, dando conferencias, outras veces escribindo... Non é só importante estar alí senón tamén difundir aquilo, como é esa realidade.

- Mantén o humor nestes tempos esa capacidade de ser un arma potente?

- É a máxima arma que temos e tamén a nosa máxima ideolóxica. É unha arma revolucionaria e transformadora. O sentido do humor é o que nos serve contra sistema de terror global. Non atopo outro xeito máis efectivo de combatelo que o sentido do humor e o riso, neste caso a través da arte da pallaso, que é o máis radical que existe na escena, o máis libre que hai nas artes escénicas e o máis chamánico, catárquico e revolucionario.