Igualdade non prevé novas contratacións nos CIM para a atención das persoas LGTBi

Susana López Abella [Imaxe SX de Igualdade]

Susana López Abella asegura que o decreto aínda está en proceso de tramitación e sinala que mantivo reunións cos cadros de persoal malia que as traballadoras denuncian que as súas demandas foron "deturpadas". 

Esta quinta feira (28 de abril) a deputada do BNG, Carme Adán, trasladou á comisión 5ª de Sanidade o malestar amosado polas traballadoras dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) a respeito do proxecto de decreto polo que a Xunta prevé introducir mudanzas no seu funcionamento. Como xa avanzou Sermos Galiza entre outras cuestións o rascuño presentado polo goberno sinala como novas competencias que deberán ser asumidas por estes espazos municipais creados en 2004, a atención a persoas LGTBi de acordo co fixado na Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza.

Este feito foi criticado desde os cadros de persoal que veñen de se constituír recentemente en asociación pola sobre-carga de traballo que isto suporá para uns servizos que en moitos casos contan cun número de persoas á fronte mínimo. 

Adán preguntou polo persoal, orzamento e formación que se destinará aos CIM

Neste senso, a deputada do Bloque, Carme Adán, preguntou á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, "que persoal, que orzamentos e que formación" visan fornecer aos CIM para que asuman estas novas funcións

Desde a Xunta a responsábel de Igualdade sinalou que se trata dun servizo "municipal" e que o decreto deseñado polo goberno está aínda en proceso de tramitación polo que non prevé que se produzan novas contratacións. 

Os CIM, dixo, "é un recurso moi acaído" para prestar atención ás persoas LGTBi porque contan con "persoal altamente cualificado" en materia de Psicoloxía e apoio xurídico. Asemade sinalou que nalgúns destes centros, como o de Compostela, xa se está a traballar neste eido. Tampouco se prevé a ampliación da dotación orzamentaria coa que se financian, através da convocatoria dunha subvención, os CIM toda vez que a Vicepresidencia da Xunta, explicou, despregará unha liña específica para achegar recursos económicos "aos colectivos e organizacións LGTBi para visibilizar a súa discriminación"

"Desde fóra semella que están a facer política de espasmos", dixo a deputada do Bloque

"Sabe que é o que parece visto desde fóra?", sinalou a deputada nacionalista, que están a "facer política de espasmos" após "dous anos" da aprobación da Lei 2/2014. Para Carme Adán está foi considerada "a forma máis sinxela" para "desenvolver" a lexislación mais "non hai planificación", criticou ao considerar que se están a tratar as persoas LGTBi como "un engadido" dos CIM. 

Destarte, insistiu en que a Secretaría Xeral de Igualdade mude o nome das propias entidades para, se finalmente deben asumir esta nova tarefa, se adapten á diversidade de xénero que tratarán. Porén, López Abella retrucoulle asegurando que ten "unha teima" con "cambiar o nome das cousas" mentres o executivo está preocupado pola "atención". 

Con posterioridade e através das redes sociais Adán respondeu á responsábel de Igualdade, "o que non se nomea non existe".