Alexandre Peres Vigo, autor de ‘Galaicofobia’: "A imaxe da Galiza que se dá ás veces no cine é pexorativa"

Alexandre P. Vigo é profesor da Universidade da Coruña. (Foto: Arxina)
Alexandre Peres Vigo, natural da Terra de Trasancos, é doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa e profesor na UDC. Neste seu último libro Galaicofobia (Galaxia) fai unha viaxe no tempo para explicar “o odio e a antipatía que vén de fóra” que o pobo galego sofre desde hai séculos. A historia, defende, explica sempre a realidade presente.

—Qué é a galaicofobia?

É o desprezo, e un menosprezo, cara a todo o que ten que ver coa Galiza, o pobo galego, a lingua e a cultura tamén.

—De onde vén?

Carolina Michaëlis hai máis de 100 anos xa se refería a isto, tamén as Irmandades da Fala e o Pai Sarmiento. A orixe foi a rivalidade política que houbo entre os poderes do Reino da Galiza e o Reino de Castela. Nós eramos un reino que podía rivalizar coa hexemonía que podía chegar a ter Castela. Unha vez que se asenta a hexemonía política castelá, nós non deixamos de ser unha ameaza potencial no terreo político porque as clases dirixentes tiñan moita forza. De aí que se cree un discurso contra todo que ten que ver co pobo galego.

—Como vai evolucionando?

A galaicofobia evoluciona pero continúa no tempo. No século XV, os galegos, especialmente os nobres, eran demonizados como salvaxes. Tamén se dicía que a nosa lingua era áspera. Pouco a pouco, os galegos deixaron de ser esa ameaza e foron considerados submisos e servís, aínda sen selo. Continuou esa galaicofobia, pero máis como un menosprezo. Empeza a asentarse un sentimento de superioridade, de supremacismo en Castela a respecto dos galegos. A literatura española do século XVII déixao moi claro.

—Houbo contestación a estes ataques?

A galaicofobia nace principalmente nas elites en Castela, pero despois vaise espallando cara ás capas máis populares. Teñen un medio de difusión moi potente nos seus escritores. Con todo, ao longo dos séculos, erguéronse bastantes voces para denunciar e desmentir iso, mesmo na Ilustración, desde un punto de vista categórico e case científico.

—Quen defendía a Galiza destes ataques?

As voces de réplica non tiñan tanto eco, pero atoparon ocos de xeración en xeración. No século XIX, hai unha reivindicación da galeguidade como nunca e bebían doutros autores, como o cura de Fruíme, Martín Sarmiento ou o Padre Feixóo. No século XIX, mesmo están testemuñados asasinatos de galegos por xenofobia. Falamos de hai cento e poucos anos, non é tanto tempo.

—E hoxe, en que espazos se conserva esta galaicofobia?

No que ten que ver co cinema. A imaxe que se dá moitas veces da Galiza e do pobo galego bebe bastante desa mentalidade colectiva, aínda que poida parecer nostálxica ou bucólica, non ten nada diso, é bastante pexorativa. A galaicofobia continúa de modo máis suave.

—Ten algunha experiencia persoal ao respecto?

Todos temos anécdotas relacionadas coa nosa galeguidade que non foron positivas. Hai uns anos, fun cuns amigos a León. No contexto dunha cea, cada mesa no restaurante ía cantando. As rapazas da mesa do lado comezaron coa “Rianxeira”, e nós sumámonos. Entón uns rapaces de Palencia empezaron a cantar unha canción moi denigrante contra os galegos.

—E como reaccionamos os galegos hoxe?

Unha parte da nosa poboación recibe ese odio ou antipatía de fóra cun ánimo reivindicativo pero outra parte moitas veces acéptaa, e nace ese autoodio na xente que o interioriza. Teño para min que todos o temos algo interiorizado.

—Cal é o tópico máis estendido da Galiza?

A idea de xente ruda ou zafia. Ese tópico vén de moi lonxe e nacía do descoñecemento. Na Idade Media, algúns autores atrevéronse a dicir que Galiza era un sitio áspero, pobre por natureza, cheo de montes, onde non había máis que salvaxes.


Experiencias persoais

Alexandre Peres Vigo coñece a orixe da galaicofobia mellor que ninguén, pero admite que é complicado aínda hoxe en día manterse afastado dos seus efectos. “Todos temos anécdotas relacionadas coa nosa galeguidade que non foron positivas”. Estas experiencias seguen a producirse na actualidade, explica, “falando con rapaces que xogan a videoxogos online, recoñecen que cando abren a boca o acento galego é moitas veces un problema deste tipo”.

A historia demostra, segundo asegura Peres Vigo, que estes ataques son moito froito da ignorancia. “Algúns cartógrafos casteláns dos séculos XVI e XVII eran incapaces de situar as vilas galegas e os límites da Galiza. Había moita ignorancia". Xa no século XVII, o descoñecemento era tal que os escritos da época describían Galiza como “un sitio pobre ao que se podía ir xantar copiosamente”.