O IMV só chega a unha de cada dez persoas vulnerábeis na Galiza

"A realidade é que só se alcanzou o 46,2% de cobertura da pobreza severa", salienta a Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais. (Foto: Nós Diario)
Segundo datos recompilados pola Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, en abril 589.948 familias foron beneficiarias do IMV, cun total de 1.771.480 persoas en todo o Estado español.

A Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais advirte esta segunda feira que, catro anos despois da implantación do Ingreso Mínimo Vital (IMV), a prestación "só chega ao 12,2% da poboación que vive baixo o limiar da pobreza" no conxunto do Estado español, e reprochou ao Goberno central que non estabelecese "ningunha coordinación" cos servizos sociais municipais para incrementar a súa cobertura. A asociación denunciou as diferenzas territoriais existentes entre comunidades, que van desde o 24,5% de cobertura de poboación baixo o limiar da pobreza en Euskadi ao 5,9 en Balears ou o 10,9% na Galiza.

Os xerentes de Servizos Sociais acusaron o Executivo de "non cumprir co obxectivo que se propuxo de que nuns meses chegaría o IMV ás 850.000 familias que malviven na pobreza extrema no noso país". Mentres tanto, a persistencia das "colas da fame" deberían, segundo a asociación, "avergoñar os gobernantes", dos que salienta a "impericia do Goberno na xestión da vacina contra a pobreza, como cualificaron o Ingreso Mínimo Vital".

Segundo datos recompilados pola Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, en abril 589.948 familias foron beneficiarias do IMV, cun total de 1.771.480 persoas. O colectivo lembrou que o Ingreso Mínimo Vital engloba tanto a renda básica de subsistencia, para familias con ingresos por baixo da renda garantida, como o complemento de axuda para a infancia que permite completar as rendas inferiores a tres veces a renda garantida.

As familias que perciben a renda básica de subsistencia por ter ingresos inferiores ao que se considera "renda garantida" son "só", segundo a entidade, 392.902 fogares (1.006.763 persoas), o 2,1% da poboación do Estado español. Aliás, lembrou que a previsión inicial, cando se implantou o IMV en 2020, era chegar a 850.000 que se atopan en situación de pobreza severa (17% da poboación española, 2,3 millóns de persoas).

"A realidade é que só se alcanzou o 46,2% de cobertura da pobreza severa", explicou o colectivo. E, engadiron, se se toma como referencia o risco de pobreza, actualmente hai a nivel estatal 8.260.000 nesa situación, ao estar por baixo do 60% da mediana de ingresos. En consecuencia, o IMV "só" chega ao 12,2% das persoas en risco de pobreza.

A nivel territorial, a asociación insistiu nas "grandes diferenzas" nesta implantación entre comunidades autónomas. O IMV chega a máis do 20% da poboación baixo o limiar de pobreza en Euskadi (24,6%), Ceuta (23,5) e Melilla (22,6%), pero non chega ao 10% en Castela-A Mancha (8,7%), Catalunya (8,6%), Canarias (8,3%) e Balears (5,9%). Máis próximas á media estatal do 12,2%, atópanse comunidades como Nafarroa (17,7%), Asturias (16,5%), A Rioxa (15,8%), Andalucía (14,4%), Aragón (13,6%), Madrid (13,07%), Estremadura (13,4%), Cantabria (12,2%), Castela e León (12,17%), País Valencià (11,01%) e Galiza (10,9%).

Ante estes datos, a Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais é "necesario un impulso aínda maior para incorporar o IMV na xestión aos servizos sociais de atención primaria". Consideran que "os servizos sociais comunitarios son unha rede capilar que chega a toda a cidadanía independentemente do municipio no que reside e da súa situación persoal e social".

Con todo, lamentou a organización, "o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social non estabeleceu ningunha coordinación que, sen ningunha dúbida, axudaría á implantación do IMV, mellorando os prazos no acceso e a situación económica de moitas familias". Na súa opinión, "o labirinto burocrático deseñado para acceder ao IMV fixo, na maior crise social da historia, que miles de persoas en situación de vulnerabilidade, pasen meses da súa vida sufrindo momentos de gran precariedade".