Incendio en Ence nunhas obras que carecían de licenza
O lume, que xerou unha gran fumareda negra que se podía ver en toda a Ría, orixinouse na torre de refrixeración.
Sobre as nove da mañá unha gran fumareda procedente de Ence era visíbel en toda a Ría de Pontevedra, unha fumareda orixinada nun incendio nunha zona, a torre de refrixeración, onde se desenvolvían obras que segundo o Concello carecían da preceptiva licenza.
O lume foi extinguido sen que se producisen danos persoais. Os traballadores desaloxaron as instalacións nun primeiro momento mais, unha vez extinguido o lume, volveron ás instalacións.
A tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, afirmou que “se a empresa non actuase como actuou este incendio non se tería producido". Ademais, sinalou que o incendio orixinouse nunha torre de refrixeración que estaba a ser desmantelada nunhas obras que "carecen da preceptiva licenza". Por iso, anunciou, a administración municipal paralizará esas obras.
a APDR convocou unha concentración para esta cuarta feira na Praza da Peregrina ás 21 horas. Denuncia o perigo da factoría para a Ría.