Un incendio forestal en Laza, aínda activo, afecta máis de 20 hectáreas

Brigadistas combaten o incendio de Laza, na comarca de Verín, este domingo á noite, 15 de setembro. (Foto @BrifLaza)

Estabilizado un segundo fogo en Arbo (A Paradanta) e extinguido un terceiro en Muíños, na Baixa Limia, que arrasou máis de 62 hectáreas no Parque Natural do Xurés.

Un incendio forestal permanece activo no municipio de Laza (comarca de Verín), parroquia de Trez. O lume declarouse este domingo ás 19.22 horas e para a súa estabilización mobilizáronse até o momento 13 axentes, 20 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, tres helicópteros e cinco avións.

Por outra parte, ás 8.37 horas desta segunda feira quedou estabilizado outro lume na parroquia de Mourentán, no municipio de Arbo (A Paradanta), após iniciarse ás 23.41 horas deste domingo. Nos labores de extinción participaron dous técnicos, cinco axentes, 16 brigadas, 13 motobombas e dúas pas. A Consellería do Medio Rural sinalou que a superficie afectada en cada un destes incendios ascende a 20 hectáreas.

Parque Natural do Xurés

O departamento que dirixe María José Gómez confirmou, ademais, que un terceiro incendio forestal afectou durante a fin de semana o Parque Natural do Xurés. Rexistrouse na parroquia de Requiás, no concello de Muíños, e quedou extinguido após afectar a unha superficie de 62,3 hectáreas, das cales 58,3 eran de monte raso e as catro restantes de terreo arborado.

Segundo precisou Medio Rural, o lume orixinouse ás 18.47 horas da pasada sexta feira e para a súa extinción mobilizáronse 20 axentes, 44 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, un técnico, sete helicópteros e oito avións.

O Goberno galego avanzou, tamén que os labores dos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta "permitiron identificar o presunto autor de varios lumes intencionados rexistrados na parroquia de Ponte Sampaio, Pontevedra", polo que o xulgado "incoou xa as dilixencias previas por un delito de incendio forestal".

O departamento autonómico lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.