O incendio forestal da Gudiña calcina máis de 100 hectáreas

Incendio forestal rexistrado na Gudiña (comarca de Viana), esta segunda feira. (Foto: BRIF Tabuyo)
Laza, Entrimo e Arbo tamén rexistran fogos esta segunda feira.

As hectáreas afectadas polo incendio forestal rexistrado na Gudiña ascenderon a máis de 100, mentres en Laza (comarca de Verín) arderon 60 hectáreas nunha xornada na que se detectaron novos lumes en Entrimo (Baixa Limia) e A Gudiña (comarca de Viana). Ademais, foi controlado o fogo de Arbo (A Paradanta), que afectou 20 hectáreas. 

Segundo o último parte da Consellaría do Medio Rural, na parroquia de Pentes, na Gudiña, permanece activo desde as 12.18 horas desta segunda feira un incendio cuxa superficie calcinada supera as 100 hectáreas. No seu control traballaron catro axentes, catro brigadas, tres motobombas, catro pas, dous técnicos, sete helicópteros e sete avións.

Da mesma maneira, outro lume está activo desde as 14.20 horas na parroquia de Venceáns, en Entrimo, e afecta o parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A Consellaría informou de que se trata dunha reprodución do incendio rexistrado o pasado 4 de setembro no mesmo lugar, despois de que se iniciase en Portugal. Até o momento mobilizouse un axente, cinco brigadas, unha motobomba, un helicóptero e dous avións. 

Ademais, continúa activo o incendio rexistrado en Trez, en Laza, e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 60 hectáreas. Para a súa estabilización mobilizáronse 15 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, un técnico, sete helicópteros e catro avións. 

Por último, ás 15.04 horas desta segunda feira foi controlado un incendio en Arbo, na parroquia de Mourentán, iniciado o domingo ás 23.41 horas. A superficie afectada foi de 20 hectáreas e participaron dous técnicos, sete axentes, 24 brigadas, 18 motobombas, dúas pas e dous helicópteros.