O incendio forestal de Palas de Rei queimou 126 hectáreas en catro días

O incendio de Palas de Rei (Foto: Carlos Castro/ Europa Press).
A Xunta da Galiza deu por extinguido o fogo de Palas de Rei esta segunda feira. O incendio comezará na tarde da pasada sexta feira.

Un total de 126,09 hectáreas arderon no municipio de Palas de Rei (comarca da Ulloa) desde que a pasada sexta feira comezara un incendio que se declarou na parroquia de Orosa, perto de Melide.

O fogo, segundo informaron o 18 de agosto desde a Consellaría de Medio Rural, comezou ao redor das  16.21 horas e 24 horas despois, sobre as 16.35 horas do sábado, anunciaban desde a Xunta da Galiza que estaba controlado. 

A superficie afectada, 117,59 hectáreas corresponden a monte raso e 8,5 hectáreas a arboredo. Na extinción deste lume, apuntou a Xunta, mobilizáronse durante estas xornadas catro técnicos, 28 axentes, 26 brigadas, 22 motobombas, tres pas, cinco helicópteros e catro avións. 

A fin de semana tamén tivo como protagonistas outros incendios. Foi o caso dun fogo en Castro de Rei (Terra Chá), iniciado pouco antes das 16 horas da pasada sexta feira, na parroquia de Locaia. As chamas orixináronse en dúas naves industriais do lugar de Casás.

Unha delas contiña labras de madeira e ardeu por completo, mentres que na outra só se consumiron troncos que tiña almacenados. O incendio foi dado por estabilizado ás 23.23 da noite dese mesmo día e conseguiu extinguirse ás 22,55 horas do día seguinte. Nel traballaron tres técnicos, oito axentes, 21 brigadas, 15 motobombas, tres helicópteros e dous avións. 

Avión e Trasmirás

Medio Rural informou tamén doutro incendio en Avión (O Ribeiro), na parroquia de Abelenda, que continúa sen extinguir. Con todo, pouco antes das 10 horas do sábado deuse por controlado, con case 16 hectáreas queimadas.

Tamén está controlado desde pouco antes das 23 horas do sábado outro fogo en Trasmiras (A Limia), na parroquia de Vila de Rei, que afecta oito hectáreas.