O incendio que afectou o Parque Natural do Xurés calcinou 160 hectáreas

Terreo queimado polo incendio en Muíños, A Baixa Limia. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Terceiro lume que afecta a reserva protexida nos últimos catro días.

A Consellaría de Medio Rural informou hoxe dun incendio forestal activo que afecta o municipio de Muíños (comarca da Baixa Limia) e que queimou xa unhas 160 hectáreas de terreo

As chuvias abundantes que caeron ao longo do mes de xaneiro e o frío que deixa estes días temperaturas baixo cero nas montañas galegas neste mes non impediron que o lume se propagase rapidamente. 

Rachas de vento de 48 km/h rexistradas na estación meteorolóxica do Xurés pouco despois de se declarar o lume propiciaron que a fronte do incendio acadara rapidamente até un quilómetro de lonxitude.

Parte das 160 hectáreas queimadas, calculadas de maneira provisional, corresponde ao parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, que conforma, xunto co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês, o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. 

Medio Rural confirmou ás 18.15 horas do día de onte que o lume xa estaba controlado, mais aínda non extinguido.

Orixinado en Portugal

En concreto, o lume orixinouse contra sa 18h da segunda feira, 6 de febreiro, en Portugal, en dous focos diferentes, e desde alí entrou na Galiza pola parroquia de Prado de Limia, en Muíños. Nos labores de control deste incendio traballaron até o momento dous técnicos, dez axentes, 12 brigadas, oito motobombas e dous helicópteros. 

O incendio declarado na tarde da segunda feira trátase do terceiro que afecta estes días este parque natural, logo de que se dese por extinguido outro na segunda feira, procedente igualmente de Portugal, en Calvos de Randín (comarca da Limia), e a pasada sexta feira, 3 de febreiro, un terceiro, tamén en Muíños. 

Incendios fóra de tempada, materia pendente

O Conselleiro de Medio Rural, José González, avanzaba en outubro de 2022 que a lei de loita integral contra os incendios forestais entraría no Parlamento galego no ano 2023. 

Con esta lei o Executivo galego propoñía a creación dun dispositivo público de loita contra os lumes forestais. Dous terzos do persoal do dispositivo traballarían durante todo o ano en tarefas de mantemento e extinción. 

Porén, a iniciativa lexislativa chega tarde, cunha temporada incendiaria que neste 2023 comeza cedo e nun país no que en 2022 se calcinou unha superficie superior ao dobre da queimada nos catro anos anteriores xuntos. Así, a Galiza sumou máis de 51.000 hectáreas queimadas durante 2022.