Un incendio arrasa 40 hectáreas en Cea

Bombeiro traballando na extinción dun lume. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O fogo, o primeiro ao que se enfrontou un grupo de 20 bombeiros estonianos que se están formando na Galiza e que colaboraron nos labores de extinción, foi estabilizado contra o mediodía desta cuarta feira.

O incendio forestal declarado esta terza feira en Cea (comarca do Carballiño), que se orixinou arredor das 16.24 horas na parroquia de Oseira, foi estabilizado no mediodía desta cuarta feira, segundo a última información trasladada por fontes da Consellaría do Medio Rural.

Inicialmente afectou unha superficie próxima ás 20 hectáreas, malia que o último dato achegado a primeira hora por este departamento da Xunta da Galiza sitúa o total en 40 hectáreas.

Para o seu control mobilizáronse, ademais de persoal como técnicos, axentes e brigadas, materiais como motobombas, pas, avións e helicópteros; oito, inicialmente, en cada caso.

Ademais dos medios despregados por Medio Rural, nos labores de extinción participou unha dotación de bombeiros naturais de Estonia que están en formación e para os que este era o seu primeiro incendio.

Este grupo de 20 bombeiros chegou á Galiza o pasado 25 de xullo para realizar adestramentos e regresará ao seu país o próximo día 30.