Xustiza

O xulgado descarta "por completo" que o incendio mortal de Vigo fose intencionado

Axentes da Policía Local nas inmediacións do edificio incendiado en Vigo o pasado 11 de outubro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A Policía investigou a persoa á que sinalaban os veciños como suposta autora, mais pola xeolocalización do seu móbil comprobaron que non se atopaba en Vigo aquela madrugada.

O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo vén de descartar "por completo" que o incendio rexistrado no edificio número 6 da rúa Alfonso X El Sabio da cidade, que se saldou con catro falecidos, fose intencionado, rexeitando tamén a teoría de que o lume comezase na cuarta planta do inmóbel. Segundo fontes xudiciais citadas pola axencia Europa Press, a maxistrada xa levantou o segredo das actuacións, malia que até o momento só recibiu o atestado da Policía Xudicial, á espera do da Científica.

Neste documento, "non hai nada que apunte a que o incendio fose provocado", polo que, "nestes momentos, descártase por completo que fose intencionado", segundo indican as mesmas fontes. "A única referencia á suposta participación dunha terceira persoa que figura no atestado é a declaración dun veciño na que dá o nome e apelidos dunha persoa e dirixe todas as súas sospeitas cara a ela", mais "non é unha testemuña dos feitos, trátase dun veciño que di que cre que foi esa persoa", engaden.

Por iso, a policía investigou esa persoa e, ademais de ter unha coartada "sólida", comprobouse pola xeolocalización do seu teléfono móbil que non se atopaba en Vigo no momento dos feitos. Así mesmo, o xulgado tamén descarta que o incendio comezase no cuarto piso, pois non superou a primeira planta do edificio.

Declaración da veciñanza

Todo iso despois das denuncias dos veciños sobreviventes ao lume, que desde un primeiro momento apuntaron directamente unha persoa como causante do mesmo, a pesar de que ningunha testemuña o vira de forma directa. Segundo relataban aos xornalistas o día do tráxico suceso, trataríase dun home que vivira no inmóbel e fora expulsado por "conflitivo".

Estes serían os motivos que, segundo eles, levarían este home a queimar as vivendas. Os veciños tamén subliñaban que o incendio comezara na planta superior do edificio e despois comezara outro foco no portal do mesmo, creando unha "rateira" para que non puidesen saír.

Todas estas declaracións e acusacións contrastan agora con afirmado polo xulgado, que descarta a intencionalidade do lume e subliña que non superou a primeira planta do inmóbel xa que, segundo os bombeiros, comezou no vestíbulo e os indicios apuntan a un fallo eléctrico como causa do mesmo.

O incendio produciuse sobre as 4 horas da madrugada do pasado 11 de outubro e nel faleceron catro persoas, unha muller e tres dos seus fillos menores.