Seis incendios continúan sen extinguir e o de Laza alcanza as 2.100 hectáreas

O macroincendio de Laza e Chandrexa de Queixa atópase aínda activo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Os medios de extinción traballan para extinguir os seis incendios que se atopan nestes momentos activos, estabilizados ou controlados. O único que permanece activo é o do municipio de Laza, que queimou xa unhas 2.100 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais.

A Consellería do Medio Rural asegurou na mañá do domingo que o incendio de Laza xa se atopa "practicamente perimetrado" e ademais "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización".

No punto traballaron até o momento dous técnicos, 59 axentes, 119 brigadas, 59 motobombas, tres pas, un tractor, 12 avións e 14 helicópteros.

Por outra parte, a Xunta deu por estabilizado ás 23,47 horas o incendio iniciado a última hora da tarde deste sábado na parroquia de Torbeo, no concello de Ribas de Sil que, segundo as últimas medicións provisionais, queimou máis de 20 hectáreas.

Así mesmo, permanecen controlados os incendios de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, que queimou ao redor de 440 hectáreas; o de Astureses, en Boborás, cunhas 120 hectáreas calcinadas; e, desde as 23,29 deste sábado, o de San Cosmede de Cusanca, no Irixo, onde arderon unhas 680 hectáreas.

Ademais, con datos actualizados na conta de Twitter de Medio Rural tamén se deu por controlado na mañá deste domingo o lume da parroquia de Pentes, no municipio da Gudiña, que segundo as últimas estimacións calcinou unha superficie superior a 20 hectáreas.

Cos datos ofrecidos pola Consellaría no último parte con información, tamén se deu por extinguido ás 02,09 horas un incendio activo en Vilardá, parroquia de San Xoán de Río, que queimou unhas 8,2 hectáreas.

Outros incendios extinguidos

Ademais, sobre as 20 horas da sexta feira, máis dunha semana despois de que empezase na parroquia de Cures, deuse por extinguido o fogo de Boiro, na comarca do Barbanza. As hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenden a 2.200.

O de Boiro, que é o maior dos rexistrados até agora durante o mes de agosto no que respecta a superficie afectada -aínda que lle segue de perto o de Laza-, provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas, desaloxos e afectou a outra localidade da comarca, A Pobra.

Entre os extinguidos no mes de agosto, atópanse os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas) como os seguintes de maior extensión.

Outro dos extinguidos máis significativos foi o do municipio de Monfero, parroquia de Queixeiro, xa que puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, aínda que se apagou despois de queimar só 0,01 hectáreas de monte. Tamén arderon 0,21 hectáreas en Vilariño de Conso, con afectación ao Parque Natural do Invernadoiro.

A lista dos xa extinguidos en agosto complétase con: As Pontes (dous fogos de 109 e 60 hectáreas) Arbo (82 hectáreas), Calvos de Randín (50 hectáreas), Ponteareas (15,6 hectáreas), Ames (6 hectáreas) e Vilariño de Conso (0,21 hectáreas).

Todo iso após unha segunda quincena de xullo na que arderon unhas 34.000 hectáreas na Galiza, cos lumes do Courel (11.100 hectáreas) e Valdeorras (10.500) como os maiores rexistrados na historia.