Os incendios forestais en Portugal baten récords de emisións de carbono desde que hai rexistros, segundo Copernicus

Incendio forestal en Server do Vouga, distrito de Aveiro, rexión Centro de Portugal. (Foto: Diogo Baptista / SOPA Images via Z / DPA)
Outra das consecuencias dos incendios é a degradación significativa da calidade do aire.

Copernicus, o compoñente de observación da Terra do programa espacial da Unión Europea (UE), advertiu esta quinta feira que os incendios forestais de Portugal liberaron xa o nivel máis alto de emisións de carbono en setembro nos 22 anos do conxunto de datos do Sistema Mundial de Asimilación de Incendios (GFAS, polas súas siglas en inglés).

As emisións totais de carbono estimadas, utilizadas como indicador da forza dos incendios, foron de 1,9 megatoneladas de carbono até o 18 de setembro, en comparación co anterior total máis alto de setembro para Portugal, de aproximadamente 1 megatonelada de carbono en 2003.

As previsións sobre a calidade do aire a escala mundial e rexional en Europa mostran que as columnas de fume orixinadas polos fogos desprazando cara ao Atlántico, pero prevese que circulen polo norte da Península Ibérica, a través do Golfo de Biscaia, cara ao oeste de Francia nos próximos días, aínda que as choivas previstas para o final da semana poden axudar a extinguir ou reducir o número de incendios.

Calidade do aire

Outra das consecuencias dos incendios é a degradación significativa da calidade do aire no norte de Portugal durante os próximos días, con concentracións previstas de partículas finas (PM2,5) nesta rexión que se manterán relativamente altas polo menos até o 25 de setembro.

As PM2,5 son partículas cun diámetro igual ou inferior a 2,5 micras, o que fai que as súas implicacións potenciais para a saúde pública sexan máis significativas, xa que poden penetrar profundamente no sistema respiratorio e, potencialmente, entrar no torrente sanguíneo.

O científico principal do Servizo de Vixilancia da Atmosfera de Copernicus, Mark Parrington, apuntou que os datos mostran "un claro aumento das emisións dos incendios e dos efectos do fume na composición atmosférica e na calidade do aire, o que reflicte a gran intensidade que se desenvolveu rapidamente con estes devastadores incendios no norte de Portugal".