A borrasca 'Karlotta' deixa perto de 700 incidencias na Galiza

Dúas persoas tratan de refuxiarse da choiva cos seus paraugas na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Malia que a maioría das incidencias non revestiron gravidade, a caída de árbores e pólas nas estradas si provocaron alteracións no tráfico, sobre todo en vías secundarias, aínda que o 112 recibiu múltiples avisos de particulares por árbores que interrompían parcial ou totalmente a circulación en diferentes puntos do país.

O paso da borrasca Karlotta pola Galiza saldouse con case 700 incidencias atendidas polos servizos de emerxencias, problemas en voos e tráfico de trens, así como choivas copiosas e ventos de gran intensidade, que chegaron a superar os 200 quilómetros por hora. En concreto, segundo a información achegada pola central do 112-Galiza, entre as 6 horas da madrugada, cando empezou a notarse con forza a borrasca, e a medianoite rexistráronse 689 incidencias relacionadas co temporal, sobre todo por caída de distintos obxectos nas estradas, así como desprendementos de fachadas, cubertas e carteis.

O groso das incidencias produciuse até as 18 horas —máis de 600—, mentres que a borrasca, xa en avance, foi amainando co pasar das horas. Entre as 18h e a medianoite houbo 79 incidencias atendidas polos servizos de emerxencias. As incidencias máis frecuentes tiveron que ver con obxectos que obstruían as estradas, como árbores e pólas (293), cables (62) ou distintos obxectos. A maiores, tamén destacan as accións levadas a cabo polos equipos de emerxencias para evitar riscos (119).

A provincia da Coruña foi a máis afectada polos efectos da meteoreoloxía adversa, con 285 incidencias; seguida de Lugo, con 230; Pontevedra, con 145, e Ourense, con 27. Por municipios, os máis afectados foron A Coruña (29), Vigo (27), Mondoñedo (26), Viveiro (25) e Santiago de Compostela (23).

Malia que a maioría das incidencias non revestiron gravidade, a caída de árbores e pólas nas estradas si provocaron alteracións no tráfico, sobre todo en vías secundarias, aínda que o 112 recibiu múltiples avisos de particulares por árbores que interrompían parcial ou totalmente a circulación en diferentes puntos do país. Foi o caso da PO-313 ao seu paso por Moaña, a N-640 (A Pontenova), a N-634 (Barreiros e Lourenzá), a LU-122 (Lourenzá) ou no quilómetro 515 da A-8 á altura de Ribadeo.

Pola súa parte, en Cervo a caída dunha árbore na vía do tren causou o corte do tráfico ferroviario entre Ortigueira e Ribadeo, como informou o persoal de seguridade de Adif minutos antes das 14 horas.

Varias localidades sufriron problemas coa subministración eléctrica ao longo da tarde, contabilizándose casos, por exemplo, nos municipios de Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo ou Lourenzá. Houbo varias cancelacións de voos e problemas no tráfico ferroviario en Pontevedra e no norte do país.

Alén dalgúns avisos por accidentes de tráfico sen vítimas de consideración, houbo varias incidencias por precipitacións. Centráronse nunha ponte desbordada na Baña ou estradas asolagadas como a AC-305 ao seu paso pola Pobra. En Ponte Caldelas, un particular chamou o 112 para alertar dunha casa asolagada no lugar de Tourón.

Valores máximos

O vento foi o protagonista da xornada, especialmente na comarca da Mariña, a máis castigada. De feito, a estación de Penedo do Galo, en Viveiro, rexistraba durante a mañá unha refacho récord de 202,4 quilómetros por hora. Con todo, este dato non foi unha excepción. Segundo a información de Meteogalicia, os ventos tamén alcanzaron os 170,7 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras e os 153 na estación do Xistral, en Muras. A 150 km/h chegaron na localidade de Vimianzo e a 149 km/h en Cedeira.

As choivas, pola súa parte, afectan sobre todo o noroeste da Galiza, con rexistros moi altos. Concretamente, alcanzáronse os 135 litros por metro cadrado en Santa Comba, os 98,7 en Zas e os 96,7 litros por metro cadrado en Lousame. En Val do Dubra, Meteogalicia rexistra 86,6 litros por metro cadrado e en Rois, 81,3.