Estradas cortadas, inundacións, voos cancelados... a borrasca 'Celine' deixa numerosas incidencias na Galiza

O peirao do Marqués, en Noia, desbordado este sábado. (Foto: Bea García)
As previsións para o domingo non son mellores. Hoxe Santiago volveu ser unha das cidades máis prexudicadas, con varias chamadas de particulares informado sobre todo da presenza de balsas de auga nas estradas.

A influencia da borrasca Celine e a marea alta xa deixaron na Galiza numerosas incidencias con estradas cortadas, balsas de auga, baixos alagados e árbores caídas. Así o precisan fontes do 112-Galiza citadas pola axencia Europa Press, que detallan que a capital galega volve ser unha das máis prexudicadas, con varias chamadas de particulares informado sobre todo da presenza de balsas de auga nas estradas.

O Concello de Santiago detallou que os parques están fechados, o campo de fútbol das Cancelas suspendeu a actividade pola tarde e no resto dos recintos deportivos ao ar libre quedou a decisión da Federación de Fútbol manter ou suspender as actividades previstas. Na Coruña, o paseo marítimo está cortado ao tráfico, en dirección ao estadio, e ao tránsito peonil e será restabelecido, segundo informou o Concello, cando se realicen as tarefas de limpeza e só se se considerase oportuno.

En Pontevedra, informaron fontes policiais, a autovía de Marín permanece cortada e na cidade rexístranse "bastantes" incidencias provocadas polo temporal. As localidades costeiras sofren por dobre vía, pois ao temporal súmase a marea alta que xa deixa paseos marítimos cubertos, como o da localidade da Illa de Arousa ou o de Noia. Os servizos marítimos tamén se viron afectados e a navieira Mar de Ons informou nun comunicado de que o servizo entre Cangas e Vigo está cancelado.

Alertas activas

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) mantén activo un episodio meteorolóxico adverso no mar que afectará toda a costa da Galiza. Esta alerta, de nivel laranxa, traerá fortes ventos (forzas 7 e 8) e ondas que poden alcanzar o sete metros de altura.

Ademais, engade Meteogalicia, durante esta xornada o país ficará baixo a influencia da borrasca Celine, situada ao suroeste de Irlanda e que deixará unha situación de temporal en terra e mar, especialmente na segunda metade do día. Mantén un aviso amarelo por choivas e vento en todo o territorio e laranxa por mar de vento e ondas en todo o litoral.

As previsións do domingo

As previsións non melloran de cara ao domingo, pois a borrasca Celine deixará precipitacións fortes e persistentes, acompañadas de tormentas ocasionais, na metade sur do país. Aliás, todo o litoral ficará en alerta laranxa por fenómenos costeiros.

Voos cancelados

Máis dunha decena de voos foron desviados ou cancelados durante este sábado con destino ou chegada aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro con motivo das condicións meteorolóxicas adversas que se rexistran na capital galega. Así, desde primeira hora foron desviados voos procedentes de Bolonia, Xenebra, Madrid, Tenerife ou Porto e foron canceladas chegadas desde Londres, Porto ou Palma de Mallorca.

En canto ás saídas, canceláronse tamén os voos con destino Bolonia, Xenebra, Madrid, Palma de Mallorca, Tenerife ou Barcelona. Ademais, un voo que partía esta mañá dirección Bilbao desde o aeroporto compostelán tamén tivo que ser desviado polos fortes refachos de vento que azoutan Bizkaia e que superan os 100 km/h.

Aena informou nas súas redes sociais dun fenómeno de meteoroloxía adversa no aeroporto compostelán, polo que indica aos usuarios que consulten coas súas compañías aéreas o estado do seu voo. E tamén no aeroporto de Vigo houbo pasaxeiros afectados con desvíos ou cancelacións de voos con destino ou chegada Madrid.