Inicio do curso escolar

Inclusión, horario lectivo e ratios centran o inicio escolar

Alumnado de Primaria do CEIP Quiroga Palacios de Compostela durante o primeiro día de clase. (Foto: Arxina)
Anpas e sindicatos reclaman o reforzo do ensino público galego

O curso escolar comezou esta segunda feira, 11 de setembro, na Galiza en todas as etapas educativas. As aulas de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO, FP e Bacharelato abriron as súas portas ao mesmo tempo que as das universidades, as escolas de idiomas e ensinanzas artísticas.

Colexios e institutos aglutinan o alumnado máis numeroso do ensino ordinario. Onte estrearon o curso en Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato 311.823 estudantes, que, malia todo, representan 2.409 matrículas menos que as rexistradas o curso académico anterior.

O arranque oficial tivo lugar no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, en Oroso, comarca de Ordes, onde o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, entre outras autoridades, acompañaron a ministra de Educación en funcións, Pilar Alegría, e a raíña Letizia no acto de inauguración. 

"Chama a atención que a primeira figura nesta cita co ensino público sexa unha muller, raíña de España, que escolarizou as súas fillas no ensino privado e que as manda a estudar a colexios de elite no estranxeiro", criticou o secretario nacional de CIG-Ensino ás portas deste centro educativo.

Suso Bermello participou xunto a delegadas e delgados do sindicato maioritario no ensino público da Galiza nunha concentración de protesta que apelou directamente os responsábeis do Goberno galego, a quen piden non adiar máis o inicio das negociacións para recuperar o horario de 18 horas en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, e de 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial. "A tranquilidade que invoca agora o conselleiro de Educación para sentar a negociar é un insulto a 30.000 docentes aos que recortou os seus dereitos hai máis de 12 anos", afirmou. Asegura Bermello a este xornal que a recuperación do horario lectivo implicaría un aumento do profesorado que debe figurar xa nos orzamentos do ano que vén. 

"Se ese incremento non se incorpora, a mensaxe é moi clara: non vai haber ningunha negociación", entende.

Desde a CIG-Ensino aseguran que o momento de negociar é "agora" para abordar unha mellora do sistema educativo que neste inicio escolar centra en tres asuntos: o horario lectivo, a redución de ratios e a diminución de burocracia. De non chegar unha resposta positiva por parte da Consellaría no mes de setembro, e de se dar un amplo apoio social e sindical, Bermello non descarta mobilizacións.

Atención á diversidade

As Anpas tamén apostan por "reforzar o ensino público". A presidenta de Anpas galegas, Isabel Calvete, puxo de manifesto, en declaracións a Nós Diario, que o sistema presenta "máis eivas das que quixeramos para garantir o dereito á educación das nosas fillas e fillos".

Superado o primeiro día, Calvete confía en que axiña se resolvan as incidencias propias do inicio de curso que afectan ao transporte escolar, ás entradas e saídas ou aos servizos complementarios. Nese arranque sitúa o foco na educación inclusiva, "que require un compromiso real da Xunta en fornecer os centros dos especialistas e medios necesarios".