'Que voltem para a casa' exixe "a desactivación das leis de excepción" aplicadas aos presos galegos

[Imaxe: Maia]

Cando faltan poucos días para que se coñeza a sentenza contra catro independentistas xulgados por "pertenza a organización terrorista", a asociación Que voltem para a casa dá o paso "da solidariedade á denuncia" e reclama para as presas e presos da Galiza a fin da prisión preventiva, da dispersión ou da clasificación FIES 3


"Se non fosse porque me ficam muitos anos de vida (aguardo) definiría estes días como a estància num purgatório. Esta é a pior cara da prisom". Escribiuno o galego Hadriam Mosqueira 'Senlheiro' na primeira páxina dun diario que encetou o mesmo día en que lle entregaron a notificación da súa clasificación como preso FIES 3, o mesmo réxime que lle aplican a todos e todas as presas independentistas da Galiza ao lles aplicar a lexislación antiterrorista. 

Sirvan como símil para explicar as súas consecuencias unhas bonecas ruras, as matrioskas: un cárcere dentro doutro cárcere. Dispersión, incomunicación, desatención, isolamento, vixilancia e castigo son palabras habituais no vocabulario con que describen o día a día tras das reixas os seis cidadáns galegos que a día de hoxe fican presos e submetidos á dispersión: Eduardo Vigo, Antom Santos, Roberto R. Fialhega, Xurxo R. Olveira, Carlos Calvo e o propio Hadriam Mosqueira. 

Unha asociación "apartidista" e "estritamente humanitaria"

Colocar na axenda política e social a súa realidade e dar un paso "da solidariedade á denuncia" é o obxectivo primeiro da asociación Que voltem para a casa, que este sábado se presentou na libraría Couceiro, en Compostela. No seu manifesto, o colectivo, que toma as rendas da plataforma Que voltem à casa, quixo remarcar o seu carácter "estritamente humanitario" e a finalidade de lles brindar apoio ás familias dos cidadáns galegos presos.

Para alén da solidariedade, a asociación nace tamén con vocación de denuncia da situación de "indefensión" en que se atopan, a "vulneración sistemática" dos seus dereitos e a "excepcionalidade e ilegalidade" do tratamento xurídico e penitenciario "que viola a lexislación estatal e internacional en materia de dereitos humanos".

Non á lexislación de excepción

Por todo isto, o colectivo exixe que @s militantes independentistas galeg@s deixen de estar submetidas á lexislación antiterrorista, reclamando a fin dos periodos de incomunicación que poden prolongarse até durante cinco días.

A dispersión, o emprego "desmedido" da prisión preventiva, as clasificacións en FIES 3 coa conculcación de dereitos fundamentais que carrexa ou o seu enxuizamento nun "tribunal de excepción", a Audiencia Nacional española, son outros dos puntos que Que voltem para a casa quere recalcar sobre as vulneracións que sofren os independentistas presos. Cómpre tomar en conta que tres deles non foron aínda xulgados e outros tres, xunto a Maria Osorio que se atopa en liberdade provisoria, non foron condenados aínda por delito ningún.

Alén de Osorio, outras cinco persoas fican tamén en liberdade provisional: Hector Naia 'Koala' e Júlio Saians á espera de seren xulgados; Telmo Varela namentres se resolve un recurso de apelación; e Artur R. Olveira e Noa González, que non entraron nunca en prisión mais que foron imputad@s por "encubrimento" en relación a unha acción acontecida o 4 de agosto de 2012 no Monte Sampaio, en Vigo.

Apoios do nacionalismo e o soberanismo de esquerdas


Por todo o anterior, a asociación emprazou "á sociedade galega e ás organizacións políticas, sociais e sindicais" a se pronunciaren "de maneira clara e inequívoca" contra a política penitenciaria aplicada aos seis galegos, así como a exixiren a fin da dispersión.

O acto contou co apoio de activistas ben coñecidas como a escritora Teresa Moure ou o pintor Leandro Lamas, así como das organizacións políticas BNG, Anova, Causa Galiza, Nós-UP, Primeira Linha e FPG; e dos sindicatos CNT e CUT. Lamentaron a súa ausencia as centrais CIG e Fruga. 
 

  • Ximena González (BNG): "Fronte ao fascismo do PP, que criminaliza todas as ideas que non se axustan ao seu modelo territorial que ten para o Estado, nós defendemos os dereitos sociais, humanos e políticos das persoas presas e reivindicamos o seu achegamento e a fin da tortura nas prisións españolas"
     
  • Manoel Santos (Anova): "Asumimos sen fendas nin ambigüidades o que di o manifesto e animamos a traballar contra a mentira e criminalización da disidencia para destruír a falacia terrorífica que hai ao redor dos presos, que tamén son os nosos"
     
  • Martiño Paradelo (CNT): "As diferencias ideolóxicas deben superarse para denunciar a lexislación do Estado e unha excepcionalidade que non obedece senón a motivos políticos. Cómpre desfacer a idea de que esas persoas son monstros que non teñen dereitos nin sentimentos"
     
  • Ricardo Castro (CUT): "Estas persoas están presas por defender as súas ideas de maneira democrática" e acrecentou que "este sistema vai afogarnos se non somos capaces de o derrubar"
     
  • Rebeca Bravo (Nós-UP): "Nesa peceira de vidro (en referencia á estrutura da Audiencia Nacional española en que se colocan @s pres@s polític@s cando son xulgad@s) quen tiña que estar era a cámara municipal de Compostela e, das instancias máis altas, Feijóo e Rajoy"
     
  • Carlos Morais (Primeira Linha): "Exiximos non só que se cumpran e non se vulneren todos os dereitos dos patriotas galegos e reclamamos a súa inmediata liberdade porque o Estado español non ten lexitimidade para os xulgar. A quen hai que ilegalizar é ao PP"
     
  • Alfredo Edreira (Causa Galiza): "É necesaria a loita pola repatriación dos presos encarcerados e dispersados ilegalmente" e enfatizou "o exemplo de dignidade e enteireza das súas familias"
     
  • Xiana González (FPG): "Facemos nosas as esixencias expresadas no manifesto e poñémonos á disposición da plataforma para todo o que necesiten"