O independentista agredido en Ferrol denuncia “pasividade” policial e xudicial

Francisco M.R, vítima da agresión, critica que dúas semanas despois da malleira fascista as dilixencias aínda non están nos xulgados.

Francisco Martíns, o independentista vítima dunha brutal agresión fascista o pasado 7 de marzo, compareceu esta quinta feira ante a prensa arroupado por representantes de diferentes colectivos, entidades e movementos sociais da comarca. Martíns, que aínda está a recuperarse das feridas provocadas pola malleira, denunciou o que considera que é “pasividade” policial e xudicial perante unha agresión que cualifica de fascista. Dúas semanas despois dos feitos, as dilixencias aínda non están nos xulgados.

 

“Está todo paralizado”, lamenta o ferrolán a Sermos Galiza, e lembra que foi el propio canda outra testemuña da agresión, quen identificou unha das persoas supostamente agresoras e o denunciou perante a policía española.

 

O avogado, Alexandre Cortizas, afirmou “non entender o retraso” neste caso, apuntando a que embora xa transcorrer dúas semanas dos feitos e máis de dez días da presentación da denuncia, “as actuación non están trasladadas ao xulgado, non están ‘sub iudice’”.

 

O veciño agredido, militante de Causa Galiza, compareceu acompañado por representantes da Fundaçom Artábria, da CIG, PSOE, BNG, PCTG. Todos coincidiron en salientar a gravidade da agresión.

 

Desde algunhas das persoas comparecentes afirmouse que este caso non era algo illado e que era unha mostra máis do auxe da extrema dereita, chamando a veciñanza a organizarse para non permitir que o fascismo vaia gañando espazo na cidade.