Violencia sexual

Inés Iglesias Canle, catedrática de Dereito Procesal: "Se se cuestiona a vítima constantemente vai ser difícil que confíe na xustiza"

Inés Iglesias Canle é catedrática e profesora de Dereito Procesal na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).
Inés Iglesias Canle, catedrática e profesora de Dereito Procesal na UVigo, dirixe a canda María Jose Bravo Bosch o I Congreso Internacional sobre Violencia Sexual que se clausura esta sexta feira. Un foro de discusión e intercambio entre a Galiza, Portugal, Italia e Brasil arredor das propias lexislacións co fin de corrixir os vicios eventuais do sistema.

Desde a UVigo lanzan unha reflexión ambiciosa sobre as realidades actuais de violencia sexual e o seu tratamento. A que se refire este concepto?

A violencia sexual comprende distintas formas de maltrato que supoñen un atentado contra la liberdade sexual. Poden ter lugar nun contexto de parella ou ex parella, entón sería violencia de xénero, mais se non hai esa relación de afectividade, anterior ou actual, sería violencia sexual, sen máis. Polo tanto é un concepto máis amplo que o de violencia de xénero, que implica distintos tipos de violencia sobre a muller. Non só violencia sexual senón maltrato psicolóxico, diversas formas de violencia física, agresións verbais... Son conceptos distintos e en constante revisión. 

De aí a necesidade de revisar tamén os textos normativos que buscan erradicala.

Do que se trata é de analizar o ben xurídico protexido, neste caso, a liberdade sexual. E a partir de aí entender que formas pode haber de ataque ou de agresión a esta liberdade sexual. A lexislación actual fala de agresións e abusos, que é algo que se está cuestionando. De feito, a nova regulación proxecta acabar coa denominación de abuso e integrar todas as formas violencia dentro do concepto de agresión sexual. É unha das cuestións que se está a debater agora mesmo na sociedade e que se está levando á nova Lei de liberdade sexual. 

Propoñen unha discusión da situación actual mais sen perder de vista a perspectiva histórica. Por que?

Porque estamos ante unha realidade que non é nova. As súas raíces no dereito romano trasladáronse até a actualidade. O concepto de patriarcado e a situación de submisión da muller a respecto do home levou a que se invisibilizase tanto a violencia sobre a muller como a violencia sexual. Sobre todo no seo dunha relación de parella ou da familia, precisamente pola polos estereotipos propios do patriarcado, que se arrastran até os nosos días.

Por iso analizamos o pasado e o presente, co fin de identificar cales son as deficiencias do sistema actual e ver que posíbeis solucións lexislativas se nos ocorren a raíz dunha dimensión de violencia que hai que erradicar, tendo en conta, ademais, o contexto internacional e as achegas xurídicas doutros países. 

Falaba de deficiencias. Cales son as eivas que lastran un mellor tratamento dos casos de violencia sexual?

É necesario sensibilizar e dar a coñecer a existencia destas formas de violencia, porque se se cuestiona constantemente a posición de vítima vai se moi difícil que confíe no sistema de xustiza. Así que o importante é sensibilizar en xénero e formar os distintos operadores mais tamén a sociedade, por iso a proposta lexislativa actual incide nesa primeira liña de identificación, sensibilización e formación en materia de xénero e defensa da liberdade sexual.

Identificar o problema é chave para erradicalo, con actuacións preventivas ou cunha corrección posterior, se se dan os feitos. Polo tanto, é importante que se que se vexa que calquera actuación que vai en contra da liberdade sexual é un atentado contra esa liberdade. Isto é fundamental. E non todas as lexislacións, nin sequera a nosa, recolle con claridade nin a definición nin a ulterior corrección destas formas de violencia.

Se o sistema de xustiza ten que actuar, pódeo facer e faino. Funciona. Pero o que hai que tratar é de evitar que haxa tal cantidade de agresións ou de atentados contra a liberdade sexual. Reducir o problema en orixe. E despois, que a corrección do sistema de xustiza se realice do modo máis adecuado posíbel ao principio de legalidade e proporcionalidade.

Esa corrección responde ben  ás demandas da sociedade e de reparación da vítima?

Eu non quero por de manifesto que haxa unha deficiente aplicación da lei porque non é así. A xurisprudencia está actuando e estao facendo ben. Se hai erros xudiciais ou interpretacións que se poidan considerar contrarias á lóxica, para iso están os recursos.

Existe unha gran litixiosidade arredor a todo o que ten que ver coa a liberdade sexual e isto é o que temos que evitar, ademais de lograr a confianza por parte da cidadanía na administración de xustiza. E para iso, a comunicación por parte dos medios ten que ser escrupulosa. É un tema complexo, que xera moita alarma social e exixe unha resposta punitiva inmediata porque son feitos moi graves. Pero hai tratar todo isto con moito respecto e seriedade. E a lexislación tamén ten que ser escrupulosa tanto no dereito de defensa como de reparación da persoa agredida, complicada nun proceso no  que ás veces ve sometida a unha dobre vitimización polo feito de ter que pasalo. Son parte dos vicios eventuais do sistema que buscamos corrixir.

Xustiza restaurativa e reparación da vítima

O anteproxecto da Lei de axuizamento criminal que prevé renovar o Ministerio de Xustiza recolle un instrumento aínda pouco desenvolvido no Estado: a xustiza restaurativa, que foxe da idea clásica do castigo para favorecer unha reparación das vítimas a través da responsabilidade das persoas agresoras. Esta doutrina non priva o Estado da súa potestade punitiva, sinala Iglesias Canle, pero máis aló "dese castigo necesario chama a fomentar a reparación da vítima mediante o recoñecemento dos feitos e a petición de perdón por parte da persoas agresoras", unha acción máis satisfactoria que o feito de que "vaian pasar varios anos no cárcere ou pagar unha sanción económica", di.

Foi obxecto de debate nas primeiras xornadas. Hai ordenamentos xurídicos, como italiano, que xa recoñecen esta figura, "mesmo os beneficios de recorrer a este tipo de  mediación tamén en casos de violencia de xénero", prohibida en España pola lei de 2004.