Gráficos

O prezo dos alimentos segue á alza e son xa 10,4% máis caros que hai un ano: así evolucionou a inflación na Galiza

O prezo dos alimentos volve repuntar na Galiza. (Foto: Leonardo Borges)
O IPC xeral repuntou en xullo até 2,1%.

O índice de prezos de consumo (IPC) subiu en xullo na Galiza até o 2,1%, seis décimas máis que o dato do mes anterior (1,5%), segundo as últimas cifras publicadas esta sexta feira polo INE. Isto tradúcese en que a inflación no país, con todo, por baixo da media do Estado español, onde se rexistrou unha suba de prezos de 2,3% en comparanza coa situación dun ano atrás.

Desta última actualización do instituto de estatística cómpre salientar que o prezo dos alimentos e bebidas non alcólicas subiu por volta de 10,4% na Galiza neste período, mentres que as bebidas alcólicas e o tabaco encareceron outro 6,5%. Así mesmo, o calzado e o vestido subiron 0,9%.

O prezo do enxoval medrou até 5%, unha suba que tamén experimentaron neste tempo os medicamentos (+1,6%), as comunicacións (+4,2%), o lecer e a cultura (+5,8%) e os hoteis, cafés e restaurantes (+6,5%).

Pola súa parte, os produtos que baixaron o seu prezo en xullo respecto ao mesmo mes de 2022 foron a vivenda (-17,2%), o transporte (-4,2%) e o ensino (-0,8%).

No que vai do presente exercicio, os prezos subiron na Galiza, de media, un 2,1% desde xaneiro, e a variación mensual de xullo a respecto do mes precedente deste ano, xuño, foi de +0,1%.

Datos estatais

A nivel estatal, o IPC aumentou 0,2% en xullo en relación ao mes anterior e elevou catro décimas a súa taxa interanual, até 2,3%, debido, principalmente, á suba dos prezos de carburantes e tamén ao encarecemento dos alimentos, que escalaron cinco décimas até 10,8%. Co dato definitivo de xullo publicado esta sexta feira polo INE, a inflación retoma os ascensos e pon fin a dous meses consecutivos de caídas que levaron o IPC en xuño a 1,9%, o seu menor nivel desde marzo de 2021.

A maiores, o INE confirmou que a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, subiu en xullo tres décimas, até 6,2%, situándose case catro puntos por riba do IPC xeral.

Estatística atribuíu a escalada do IPC xeral á suba de prezos dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais, o encarecemento de vestidos e calzados, o incremento dos paquetes turísticos e a repunta dos alimentos e bebidas non alcólicas.

No caso dos prezos dos alimentos e as bebidas non alcólicas, o INE confirmou que incrementaron a súa variación cinco décimas e alcanzaron 10,8%, debido a que os prezos das froitas e os aceites e graxas aumentaron en xullo deste ano, fronte ao descenso rexistrado no mesmo mes de 2022.