Un informe artístico para a petición BIC de Casa Cornide

Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña)
O Concello da Coruña destaca que o documento, coordinado polo experto Vigo Trasancos, acredita a "singularidade" deste monumento.

O Concello da Coruña apelou ao contido dun informe artístico para reclamar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para a Casa Cornide, actualmente propiedade da Familia Franco. O consistorio prepara unha en paralelo unha demanda para reclamar que a edificación sexa declarada de propiedade pública.

Segundo a Administración local este informe, coordinado polo experto Vigo Trasancos, acredita a "singularidade" do edificio. Con el, o Concello comezará o procedemento administrativo para solicitar a declaración BIC, como xa avanzara onte o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín.

O consistorio detalla que a alcaldesa, a socialista Inés Rey, convocará ás persoas que integran o Consello de Memoria Democrática e que rexistrará a solicitude de Declaración BIC na Xunta para asegurar que a Casa Cornide reciba "a protección que merece".

"Isto confirma que os Franco se fixeron cun edificio dun valor patrimonial e histórico incalculábel para a cidade, un inmóbel que se espoliou tras unha poxa amañada e que ten que volver ser parte do patrimonio público da Coruña e dos coruñeses", di a Administración coruñesa. 

Condición de monumento

Desde o consistorio explícase que o experto Vigo Trasancos completou un estudo no que participaron profesionais dos campos da historia da arte, a arquitectura, a historia, a topografía ou a conservación de bens culturais, o que ven a corroborar, salientan, a "excepcionalidade" do inmóbel.

Así mesmo apélase a distinción de BIC pola condición de "monumento" do inmóbel. "As claves están na adustez militar do seu aspecto forte, que ven en parte dos trazos barrocos, pero sobre todo, ten a ver coas características cosmopolitas que están vinculadas á arquitectura da primeira Ilustración", salienta sobre o contido do estudo.

En xullo, o Concello da Coruña deu a coñecer outro informe asinado polo historiador Emilio Grandío que constata que o ditador Francisco Franco adquiriu a Casa Cornide­ por vías "fraudulentas". Na presentación a rexedora coruñesa criticou que os herdeiros do ditador non colaboran para "devolver o edificio ao patrimonio público" agregando que as peticións de acceso foran "denegadas".