Informe demoledor sobre Altri: 1.956 empregos menos, 190.000 hectáreas máis de eucaliptos e riscos para a saúde da veciñanza

Teresa Nieto, Rosario Álvarez e Eduardo Corbelle na presentación do informe do Consello da Cultura Galega sobre Altri, onte. (Foto: Arxina)

O Consello da Cultura Galega é unha institución creada polo Estatuto de Autonomía de 1981 coa encomenda legal de asesorar a Xunta da Galiza. Atendendo ao seu carácter de órgano consultivo, fixo esta quinta feira público un informe sobre o proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa).

O Consello da Cultura Galega deu a coñecer esta quinta feira un relatorio titulado Informe sobre o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosas e as súas infraestruturas asociadas. O documento foi presentado en Compostela na sede da institución, pola presidenta da mesma, Rosario Álvarez, pola coordinadora da comisión técnica encargada da elaboración do traballo, Teresa Nieto, e polo coordinador técnico, Eduardo Corbelle. No acto, Nieto afirmou que a "decisión de implantar unha fábrica de fibras téxtiles non responde nin a un plan territorial nin a un plan industrial que fosen avaliados ambientalmente",

O relatorio está formado por oito traballos que analizan os impactos da celulosa proxectada por  Altri en Palas de Rei (A Ulloa) no plano económico, ambiental, patrimonial ou da saúde. Os mesmos foron elaborados por diversos especialistas nas materias analizadas, entre os que se atopan, a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, a química María Josefa Fernández Sanjurjo, a economista Ana Isabel García Arias, o xeógrafo Horacio García, o químico Juan Manuel Lema Rodicio, o economista Edelmiro López Iglesias, o especialista en turismo Xosé Manuel Santos Solla ou a neurocientífica Sonia Villapol Salgado.

A investigación sinala que a factoría de Altri crearía un máximo de 544 empregos directos e indirectos, 1.956 menos dos anunciados pola empresa e a Xunta da Galiza. Así, un dos capítulos do informe asinado polos economistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, Edelmiro López , Ana Isabel García, Fernando de la Torre e David Peón, recolle que “xerará un máximo de 281 empregos directos (postos de traballo equivalentes a tempo completo), 343 empregos totais (directos e indirectos) nas catro comarcas da área de influencia e 544 empregos totais (directos e indirectos) no conxunto da economía galega”.

O informe advirte de que “os resultados desa análise respecto dos impactos indirectos indican que estes beneficiarían fundamentalmente empresas situadas fóra da Galiza e que o proxecto tería un impacto moi reducido na economía galega, 0,30 euros por euro producido. Ademais, só 25% dese impacto se produciría nas comarcas da área de influencia e o resto trasladaríase a outras zonas da Galiza”. Nesta dirección, destaca que “a súa elevada intensidade en capital e a baixa intensidade en traballo fanse evidentes se sinalamos que a amortización do inmobilizado multiplicaría por catro os gastos de persoal”.

O complexo agrícola

O traballo analiza o impacto negativo da celulosa proxectada por Altri na economía das zonas próximas a onde está previsto o seu emprazamento. Nesta dirección, desvela que “as comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa teñen unha estrutura económica diversificada e unha dinámica demográfica e económica relativamente favorábel no contexto do rural galego” e alerta do “impacto sobre a cadea agroalimentaria, que pode darse por dúas vías: a competencia do previsíbel incremento do uso forestal das terras cos usos agrarios do solo para as explotacións gandeiras, xa con falta de base territorial, e a desvalorización dos produtos alimentarios da zona pola desvalorización da súa imaxe”.

O documento valora criticamente o proxecto da multinacional portuguesa na actividade turística. Nesta orientación, recoñece que “a implantación deste proxecto supón un cambio de modelo territorial que afectará os recursos turísticos, a imaxe da zona e, probabelmente, as prioridades dos propios municipios. Dos dous recursos turísticos máis relevantes da zona, o Camiño de Santiago e o Castelo de Pambre, o primeiro sería o máis prexudicado”. Neste punto, lembra que Icomos, organismo asesor da Unesco para os patrimonios da humanidade, indicou que a factoría “ afecta ao valor universal excepcional da ruta xacobea polo impacto na paisaxe dos elementos arquitectónicos e instalacións”.

O estudo revela que a “factoría emprazaríase directamente nun dos hábitats xeoedáficos e ecolóxicos máis singulares e interesantes da Galiza; en concreto, sobre unha área proposta pola Administración autonómica como ampliación da Rede Natura, coa que linda directamente. O feito de que a área estivese considerada como candidata para a ampliación na proposta de 2011 evidencia a presenza de importantes valores ambientais e a necesidade da súa protección”. A este respecto, conclúe que “o efecto máis directo e drástico da instalación desta fábrica, que ocuparía sobre 7 % da superficie do afloramento serpentinítico, sería a destrución completa ou a alteración irreversíbel destes solos e a súa biota asociada, un verdadeiro laboratorio natural de biodiversidade”.

Os riscos para saúde

O relatorio conclúe cun artigo da neurocientífica do Texas Medical Center, de Estados Unidos, Sonia Villapol, que analiza a incidencia na saúde das persoas do proxecto impulsado por Altri, onde sinala que “a exposición a eses contaminantes, un espectro de produtos químicos con efectos a longo prazo potencialmente alarmantes e non ben documentados, pode provocar problemas de saúde crónicos e aumentar o risco de enfermidades graves, polo que reducir a exposición é fundamental para mellorar a calidade do aire e manter a saúde pública”.

Altri obrigaría a ampliar as masas de eucaliptos entre 80.000 e 190.000 hectáreas

Un día despois de que se fixera público un informe da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta da Galiza que afirmaba que as plantacións de eucaliptos existentes no país eran suficientes para fornecer de materia prima a factoría que Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ullloa), o relatorio do Consello da Cultura Galega vén desmentir eses datos.

O documento sinala “que non sería posíbel abastecer a nova planta sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto na Galiza (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, que se engadirían ás 409.000 actuais), ou ben sen importar un volume considerábel de madeira desde o exterior, probabelmente desde América do Sur”. Nesta liña, asegura que “calquera dos dous escenarios resultan opostos aos intereses da política forestal na Galiza. O primeiro, porque entra en contradición directa co estabelecido no Plan forestal da Galiza actualmente en vigor (...). O segundo, porque suporía renunciar por completo á pretendida conexión entre o sector forestal galego e a nova industria creada”.

Por outra parte, a Xunta da Galiza divulgou esta quinta feira un escrito do vicepresidente executivo da Comisión Europea, Maros Sefcovid, onde afirma que a documentación achegada por Altri "non permite á Comisión Europea observar ningunha infracción" da Directiva sobre Emisións Industriais ou da Directiva sobre a avaliación do impacto ambiental "nesta fase temperá do procedemento".