Un informe testemuña un mínimo de 11 persoas torturadas en Galiza en 2016

Un documento da Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura advirte da persistencia da práctica. A CPDT - da que fan parte organismos galegos como Esculca, PreS.O.S e Xustiza e Sociedade- sinala Galiza é o cuarto territorio do estado con máis denuncias documentadas de torturas.

Un mínimo de 11 persoas sofreron torturas en Galiza durante 2016 en 9 situacións, cada unha delas afectando a unha ou máis persoas. Son dados do informe 'A Tortura no Estado español' que elabora a CPDT, Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura, unha plataforma que agrupa por volta de 50 entidades e colectivos, entre eles os galegos Esculca, PreS.O.S Galiza e 'Xustiza e Sociedade'. A nivel de Estado, o informe fala dun mínimo de 259 persoas que sufriron estas prácticas no ano pasado. Este mesmo organismo recollía no seu informe de 2015 que en Galiza se deran 12 destas situacións, que afectaran 23 persoas. Unha redución que, indican, non se debe tanto á redución destas prácticas como a un “aumento da impunidade e a opacidade”.

 

Galiza é o cuarto territorio do Estado onde máis situacións de tortura se recollen neste documento, nove. Só Madrid (25), Catalunya (24) e Andalucía (18) rexistraron un maior número.

 

A Coordenadora lembra que no informe non se inclúen todas as denuncias de tortura e maos tratos recibidas. Varias ficaron fóra do relatorio por petición das propias persoas afectadas e outras porque a información non puido ser contrastada. Aliás, un número importante destas situacións non sequer é denunciada, indica a CPDT.

 

As torturas e maos tratos producíronse sobre persoas que estaban baixo custodia de funcionarios, en comisarías ou prisións, ou durante actuacións das Forzas de seguridade do Estado en diferentes situacións (por exemplo, en mobilizacións).

 

Mortes baixo custidia policial

 

En 2016 houbo 34 persoas mortas baixo custodia policial no Estado español. O númetro ascende a 650 en tre os anos 2001 e 2016.