Os informes de Ence sobre o mercurio continúan baixo chave

A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
O BNG reclamará nesta quinta feira no Parlamento galego que se fagan públicos.

O BNG presentou hoxe no Parlamento unha serie de iniciativas en relación coa suposta presenza de altos niveis de mercurio na ría de Pontevedra, segundo advertía un informe de Ence filtrado aos medios o pasado mes.

O documento, dirixido á Xunta da Galiza, mencionaba os "elevados" niveis deste metal nas augas subterráneas, unha cuestión que apuña á actividade na zona de Elnosa, noutrora filial do Grupo Ence e hoxe en desmantelamento.

A formación nacionalista, da man do deputado Luís Bará, defenderá nesta quinta feira unha proposición non de lei para instar o Goberno galego a facer pública toda a documentación referida ao proceso de descontaminación dos terreos ocupados por Elnosa, en particular as analíticas que alertaban da alta presenza de mercurio.

Malia que tanto a Xunta como Ence negaron desde o primeiro momento que a contaminación puidese ter un risco potencial para a saúde humana e a actividade marisqueira da ría, o BNG proporá tamén artellar un "plan de vixilancia e control do solo e das augas superficiais e subterráneas".

Así e todo, o BNG solicitou a comparecencia da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático en sede parlamentaria na quinta feira, mais o PP vetou co seu voto negativo esta proposta.

Ence non se pronuncia

Fontes da pasteira consultadas por Nós Diario desbotaron facer declaracións "polo de agora".

Con todo, no propio informe facía fincapé en que "Ence non empregou nin emprega mercurio nos seus procesos", polo que o metal procedería exclusivamente "da factoría de Elnosa".