Xustiza

Ingresa en prisión o ex funcionario vigués condenado a 5 anos por "enchufar" unha cuñada de Carmela Silva

Xuízo ao funcionario condenado polo "enchufe", Francisco Javier G.O., primeiro pola esquerda. (Foto: Europa Press)
Francisco Javier G.O. foi condenado a 5 anos de cárcere por prevaricación, falsidade documental e malversación.

O ex funcionario do Concello de Vigo Francisco Javier G.O., condenado a 5 anos de cárcere por prevaricación, falsidade documental e malversación logo de "enchufar" unha cuñada da tenente de alcalde, Carmela Silva, nunha contrata municipal, vén de ingresar na prisión cántabra de El Dueso. Segundo certificou a Audiencia Provincial de Pontevedra nunha dilixencia de execución, este órgano xudicial recibiu xa comunicación do centro penal de El Dueso ratificando o ingreso voluntario do ex funcionario na devandita prisión.

Así, o penado comezará a cumprir a condena que se lle impuxo por parte do tribunal provincial en febreiro de 2019 e que foi ratificada polo Tribunal Supremo en 2021. Aliás, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou a pasada semana un auto no que desestimaba o recurso de súplica presentado polo condenado, dándolle o citado prazo de cinco días para o ingreso voluntario.

A finais de 2021 o ex funcionario solicitou un indulto parcial ao Ministerio de Xustiza, nun trámite rodeado de polémica, porque entre as cuestións que expuña na súa petición alegaba a súa militancia no PSOE ou en UXT. Aliás, fíxose público que numerosas entidades veciñais e culturais de Vigo subscribiran idénticos escritos adheríndose a esa petición, e o PP denunciou que foran coaccionadas pola contorna do Goberno municipal.

Decorridos máis de 12 meses desde a petición do perdón, a Audiencia deuna por desestimada e advertiu de que non se podía manter en suspenso a execución da pena por máis tempo, instando o penado a ingresar en prisión. Fronte a esa advertencia, a defensa de Francisco Javier G.O. presentou un recurso de súplica, o que vén de ser desestimado.

Neste proceso xudicial tamén foi condenado o xerente da empresa na que foi "enchufada" a familiar de Silva, ao que se lle impuxo un ano e medio de cárcere e dous anos de inhabilitación. Tratábase dunha concesionaria que contratou a cuñada da concelleira para a realización dunhas enquisas, traballo polo que cobrou un total de 108.000 euros e que nunca chegou a realizar, segundo concluíron os xuíces.

A oposición urxe explicacións

Após coñeceren a noticia, os partidos da oposición no Concello de Vigo, PP e BNG, pediron ao alcalde, Abel Caballero, "dar a cara" e ofrecer "explicacións" polo "maior caso de corrupción" que afectou a Administración local. A portavoz municipal e presidenta local do PP, Marta Fernández-Tapias, preguntou "canto tempo máis van silenciar os socialistas vigueses o maior caso de corrupción que se lembra nos últimos anos na Galiza".

O "PSOE de Sánchez", asegurou, "viuse acurralado polo escándalo que, desde o primeiro momento rodeou este caso, impedindo que manobrasen a favor do indulto". "Quedaron sen opcións", reiterou Tapias, que advertiu que nin Abel Caballero nin Carmela Silva "poden seguir escondéndose". A líder popular matizou, en todo caso, que aínda non se sabe "quen deu a orde ao ex funcionario para que contratase" a familiar de Silva e non descarta que o condenado "acabe desvelando o dato que, con tanto receo, gardan os socialistas vigueses".

Na mesma liña pronunciouse o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, quen subliñou que o ingreso en prisión do condenado "non resolve" este caso, porque "queda por aclarar se houbo inductores ou inductoras do delito" e quen formaba parte da "trama corrupta que perpetrou o 'enchufe'". "É moi difícil crer que un alto funcionario, e destacado dirixente do PSOE, colocou por casualidade a cuñada da primeira tenente de alcalde", apostilou.

Desde o BNG, engadiu, seguirán pedindo "chegar até o final, caia quen caia", e afirmou que "é lamentábel que o PSOE de Abel Caballero decidise encubrir este asunto tan grave", negándose a condenalo en Pleno e "sen dar ningunha explicación á cidadanía", chegando a bloquear a creación dunha comisión de investigación no Concello ou dunha oficina anticorrupción.