O inicio do ano universitario arrinca cunha mobilización e avanza un curso convulso

[Imaxes: SG]

A comunidade universitaria concentrouse ás portas do reitorado da USC coincidindo coa apertura do curso universitario. PDI, PAS e estudantes manifestaron o seu rexeitamento aos recortes na universidade e exixiron "un ensino público e de calidade".

 

"Os vosos sobres/os nosos recortes", berraron ás portas do Pazo de Fonseca --a carón da praza do Obradoiro-- ducias de representantes da comunidade universitaria co gallo do acto oficial que deu a pistolada de saída ao curso 2013-2014. Profesorado, estudantes e persoal de administración deixaron claro que o ciclo académico que comeza será convulso. "Isto é só o comezo", asegurou unha estudante aos medios de comunicación durante a concentración.

Converter a universidade "nun coto privado"
A redución das bolsas, os recortes orzamentarios, a merma no plantel docente e investigador deixan o ensino universitarioo nunha "situación límite", denuncian as organizacións sindicais. Neste senso, CIG, CCOO, CUT, FETE-UGT, Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, Acción Universitaria, Comité intercentros de PAS USC, Comité de empresa do PAS UdC, Comité de empresa de PDI da USC, Comité de Empresa de PDI da UdC, Comité de Empresa do PDI de Pontevedra da Uvigo, Comité de Empresa do PDI de Ourense da UVigo, XPDI da USC, XPDI da UdC, XPDI da UVigo, Xunta do PAS da USC, Xunta do PAS da UdC, Alternativa de PAS Asemblearia, Asemblea pola Defensa da Universidade de Vigo, Plataforma de anulados USC, Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal, Candidatura de 3º ciclo da UDC denunciaron a "política privatizadora" do Partido Popular.

En palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, a direita española no goberno "quere facer da universidade un coto privado".

O estudantado advirte "isto é só o comezo" e avanza un curso académico de mobilizacións

De maneira simbólica, estudantes, profesor@s, investigador@s e PAS bateron contra os recortes representando "unha tesoirada" simbólica na praza do Obradoiro. "A universidade debe ser pública" e "unha garantía de desenvolvemento do país", indicou Louzao, ao tempo que criticou con dureza que os gobernos español e galego empreguen "como excusa a crise económica" para "levárense por diante todos os servizos públicos".

Asubiada @s responsábeis universitari@s

Concentrad@s na praza do Obradoiro @s manifestantes recibiron @s responsábeis da Universidade cunha forte asubiada. Un cordón policial separaba a PDI, PAS e estudantes da fachada do Pazo de Fonseca a onde ían chegando @s convidad@s ao acto oficial de apertura do curso académico.

Anxo Louzao (CIG): "A universidade debe ser unha garantía de desenvolvemento para o país" 

Unha vintena de axentes impediron o acceso durante uns minutos @s representantes das organizacións sindicais e estudantís que optaron por rodear a praza para rematar concentrándose a carón dos xardíns de Fonseca. "Eses de azulón/de que facultade son", brincaban @s manifestantes face a policía española que lles curtaba o paso. 

Entre brincadeiras e consignas a comunidade universitaria exixiu "recortar o Partido Popular" e mesmo pediu "piedade" a Feijóo entoando unha canción de misa. "No estés eternamente recortando/Perdona a tu pueblo Feijóo".