O xuízo polo accidente de Angrois sofre un novo aprazamento

Un dos vagóns do tren Alvia que descarrilou en Angrois. (Foto: Europa Press)
A vista oral, na que está prevista a participación de máis de 700 testemuñas e peritos, comezará o 5 de outubro, xunto coa parte penal, que se desenvolverá até o 3 de febreiro.

O comezo do xuízo polo accidente do tren Alvia en Angrois o pasado 25 de xullo de 2013 vén de sufrir un novo aprazamento, despois de que o Xulgado do Penal número 2 de Santiago atendese as alegacións de tres dos avogados.

Desta forma, a primeira sesión do xuízo, que estaba prevista para o vindeiro 20 de setembro, queda axendada para o 5 de outubro. As datas das seguintes sesións tamén foron modificadas.

En concreto, o avogado defensor do director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña, Andrés Cortabitarte; o da Plataforma Vítimas Alvia 04155; e o letrado dunha das aseguradoras alegaron que xa tiñan outros xuízos sinalados con anterioridade nas mesmas datas, polo que reclamaron a suspensión ou o cambio de data dalgunhas das sesións.

No auto, contra o que non cabe recurso, a maxistrada lembra que, "a pesar da súa complexidade", o xuízo polo accidente do Alvia, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, "carece de preferencia sobre outros sinalados con anterioridade", segundo a lei.

Novo calendario

No seu escrito, a xuíza estabelece, a petición destes tres letrados, a necesidade de "atrasar o inicio do xuízo até o 5 de outubro e refacer o calendario, respectando, con todo, a proba para practicar nas distintas sesións" e as datas nas que as partes non puxeron problema.

A vista oral, na que está prevista a participación de máis de 700 testemuñas e peritos, comezará o 5 de outubro, xunto coa parte penal, que se desenvolverá até o 3 de febreiro. Co anterior calendario, estaba previsto que esta rematase o 23 de decembro.

En canto á acción civil, comezará o 14 de febreiro e prolongarase até mediados de xuño de 2023. Desde o 20 de xuño e até a súa finalización, o xulgado reservou as terzas, cuartas e quintas feiras para a práctica documental, as conclusións e os informes.