A inmigración evita o estancamento poboacional da Galiza

Unha traballadora do fogar limpando nunha vivenda. (Foto: Nós Diario)
A poboación residente no conxunto do Estado español alcanza o valor máximo da serie histórica.

A poboación galega sitúase en 2.706.953 habitantes ao 1 de xullo de 2024, o que supón nove residentes máis que no primeiro trimestre e 6.322 máis na comparativa co segundo trimestre de 2023, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

Do total, 161.404 son persoas de nacionalidade estranxeira. Na comparación cun ano antes obsérvase unha caída de 8.375 persoas con nacionalidade do Estado español, o que contrasta co incremento de 14.697 habitantes con nacionalidade estranxeira, que é quen serve de base para o aumento de poboación que vive na Galiza.

Por sexos, a poboación galega repártese entre 1.404.359 mulleres e 1.302.594 homes. Por outra parte, na comparativa intertrimestral, a taxa galega (de 0%) está entre os peores datos do Estado español, só por encima dos tres descensos de Castela e León (-0,03%), Andalucía (-0,03%) e Estremadura (-0,05%).

Ademais, a poboación residente no conxunto do Estado español aumentou en 67.367 persoas no segundo trimestre e situouse en 48.797.875 habitantes ao 1 de xullo de 2024. É o valor máximo da serie histórica. En termos anuais, o crecemento poboacional estimado foi de 415.369 persoas.