O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, único centro científico da Galiza acreditado coa excelencia María de Maeztu

Carlos Salgado recolleu o selo á excelencia de mans da ministra Diana Morant. (Foto: Nós Diario)
A obtención deste selo supuxo para o IGFAE un importante crecemento nos últimos anos, atraendo a Santiago de Compostela persoal científico de máis de 15 países, e participando nalgunhas das máis importantes colaboracións internacionais do ámbito da física.

O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado, recolleu esta quitna feira a acreditación de excelencia María de Maeztu que outorga a Axencia Estatal de Investigación. O selo reafirma o labor científico deste centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta da Galiza, creado en 1999, e que ata o momento é o único galego en acadar esta distinción.

Con este recoñecemento, resultado dunha rigorosa avaliación, o IGFAE ve consolidada a súa proxección global no campo da física de partículas, astropartículas e nuclear, tanto na vertente teórica como experimental. O seu persoal conta cunha longa bagaxe, asumindo importantes responsabilidades, nalgunhas das máis grandes instalacións científicas do mundo, como a Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN), o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger, a rede LIGO de ondas gravitacionais, as instalacións de física nuclear GSI-FAIR ou GANIL, e os experimentos de neutrinos NEXT e DUNE, sinala a entidade nun comunicado.

Nun acto decorrido no CaixaForum de Madrid, Carlos Salgado recibiu a acreditación de mans da ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, e o secretario de Estado do Ministerio, Juan Cruz Cigudosa. Tamén acudiron á cerimonia de entrega o director adxunto do IGFAE, Abraham Gallas, e o xerente da USC, Javier Ferreira.

O selo María de Maeztu supón un financiamento de 2,6 millóns de euros e permitirá desenvolver o plan estratéxico do IGFAE para os vindeiros anos, con acento na maior implicación en experimentos internacionais, a formación de persoal investigador, a captación de talento e a redución da fenda de xénero.

"A primeira acreditación supuxo unha profunda transformación para o IGFAE: practicamente duplicamos o noso cadro de persoal, abrimos novas liñas de investigación e sentamos as bases dunha estrutura que agora queremos consolidar", resume Carlos Salgado.

2024, un ano clave para o IGFAE

Esta distinción de excelencia chega nun 2024 cheo de fitos para o futuro do instituto, aseguran. En maio, o IGFAE renovou tamén a súa presenza na Rede de Centros de Investigación Universitaria da Galiza, o que suporá un financiamento de arredor de máis de tres millóns ata o ano 2027. Este dobre recoñecemento autonómico e estatal permitirá o financiamento de numerosos contratos de doutoramento e asegurará a continuidade das liñas estratéxicas de investigación do centro, coa adquisición de equipamento e infraestruturas esenciais para reafirmar o posicionamento internacional do IGFAE.

Nos últimos meses deste 2024 está prevista a finalización das obras da nova sede, financiada pola Xunta da Galiza, cun investimento de perto de cinco millóns de euros. Actualmente, o persoal do Instituto xa traballa na área da ampliación. Unha vez acabadas as obras, o centro ampliará un 70% a súa superficie previa. Coa nova sede a pleno rendemento, o Instituto contará con novos e máis grandes laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas abertas ao público, destinadas ás actividades de divulgación.

Neste marco, o IGFAE está a conmemorar o seu 25º aniversario cunha amplo programa de actividades abertas ao público. Con elas preténdese achegar á sociedade o labor científico que desenvolve o centro, fomentando a reflexión sobre o impacto social e cultural das súas investigacións a través de exposicións, concertos, eventos de divulgación e diversas iniciativas dirixidas á comunidade educativa. "Queremos ser un centro moito máis internacional, moito máis aberto, e que a sociedade nos poida ver desde diferentes puntos de vista", apunta o director do centro.