Unha investigación demostra o "forte impacto negativo" da velutina nos polinizadores

Os abellóns teñen eficaces estratexias defensivas contra as velutinas. (Foto: Nós Diario)

O traballo pon o foco na ameaza real que representa a avespa asiática para unha gran variedade de especies polinizadoras

A presenza de avespa velutina provoca, ademais de problemas derivados da súa actividade predadora, importantes efectos negativos nas colonias de especies de insectos polinizadores.

Así se constata no artigo 'Quantifying the impact of an invasive Hornet on Bombus terrestris Colonies', incluído no último número da revista Communications Biology, editada por Nature, no que se recollen os resultados da investigación sobre a convivencia entre estes dous heminópteros realizado nunha ducia de localizacións da circunscrición de Pontevedra e no que, entre outros, participaron os investigadores do CIMUS da USC Julio Maside, Damian Da Silva Martis e Carolina Bartolomeu.

O traballo, liderado polo investigador británico Thomas O'Shea-Wheller, da University of Exeter, aborda as repercusións que provoca a velutina noutras colonias de insectos distintas ás abellas melíferas, á marxe da súa acción predadora.

De feito, para a realización deste experimento, os investigadores decantáronse polo abellón (Bombus terrestris), unha especie de insecto himenóptero que demostrou contar con boas habilidades para defenderse da velutina, aínda que iso non foi suficiente para liberarse das consecuencias negativas derivadas da súa presenza.

A diferenza da maioría dos estudos xa publicados sobre a velutina, a investigación recollida en Communication Biology pon o foco na ameaza real que representa a avespa asiática para unha gran variedade de especies polinizadoras, e non só na mortalidade que provocan os seus ataques nas poboacións de abellas melíferas.

Solta de colonias

Para a realización deste estudo, no que a USC tivo unha participación activa nos labores de análises, os investigadores do CiMUS soltaron varias colonias de abellón nunha ducia de enclaves, onde tamén colocaron cámaras de vídeo, a través das que puideron visualizar o comportamento e as reaccións dos abellóns ante ataques da velutina ou, simplemente, cando estas se topaban perto.

As imaxes captadas deixan constancia das "eficaces estratexias defensivas dos abellóns" fronte á velutina, sinala Maside, para logo engadir que nada máis percibir a presenza da vespa asiática, o abellón enróscase como un bolo e déixase caer ao chan, o que provoca que o depredador abandone o seu ataque.

Aínda así, a pesar do reducido número de abellóns mortos por mor da acción das velutinas, o traballo de experimentación desenvolto no marco deste estudo serviu para comprobar outros dos múltiples efectos negativos que provoca nas poboacións de insectos polinizadores, xa que a presenza deste depredador afecta á súa saúde e tamén se traduce dunha diminución do número de individuos que conforman as súas colonias.