O investigado polo accidente mortal de Cangas non poderá residir na localidade

Imaxe do vehículo no que viaxaba o falecido (Foto: Nós Diario)

O home non poderá saír do territorio estatal mentres dure a instrución do cano no que é investigado por homicidio doloso.

O home detido o pasado 26 de xullo en Cangas (O Morrazo), tras colidir co seu coche con outro condutor e causarlle a morte, foi posto en liberdade, tras varias semanas en prisión provisional, despois de que a Audiencia Provincial acollese o seu recurso, aínda que non poderá residir nesta localidade do Morrazo mentres dure a instrución.

O xulgado de instrución número 2 de Cangas acordou o seu ingreso en prisión provisional, investigado por homicidio doloso, condución temeraria con desprezo pola vida dos demais, desobediencia, resistencia á autoridade, lesións e condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Tras a presentación de recurso, a Audiencia entendeu que a prisión provisional era unha medida excesiva para garantir a súa comparecencia en xuízo, polo que acordou a súa posta en liberdade, previo pago dunha fianza de 15.000 euros, que foi depositada esta segunda feira.

Con todo, o xulgado acordou unha serie de medidas con respecto ao investigado. Así, deberá comparecer quincenalmente, prohíbeselle saír do territorio estatal e debe entregar o seu pasaporte, retiróuselle o permiso de conducir e ten prohibido residir no termo municipal onde ocorreron os feitos.

O accidente mortal ocorreu a primeira hora da mañá do 26 de xullo, cando o coche conducido polo investigado, un Porsche Cayenne, chocou co vehículo da vítima (un mariñeiro que regresaba de traballar), á altura do mercado de abastos de Cangas.

O investigado fora detectado pola Policía Local conducindo de maneira errática e este ao decatarse da presenza dos axentes, iniciou a fuxida. Durante a persecución, o condutor aumentou a velocidade e perdeu o control do coche, impactando contra o coche da vítima. O investigado, que ía acompañado doutra persoa, deu positivo nas probas de alcol e drogas.